PSdeG e BNG rexeitan a Rede de Dinamización Lingúística da Xunta

PSdeG e BNG rexeitan a Rede de Dinamización Lingúística da Xunta

20 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

A oposición parlamentaria negouse a asumir a Rede de Dinamización Lingüística nos concellos que o secretario xeral de Política Lingüstica, pediu explicar nesta xornada no Pazo do Hórreo. A iniciativa, á que xa se subscribiron 72 municipios e o Consello da Cultura Galega, segundo salientou Anxo Lorenzo, pretende impor un novo "modelo de planificación para estender o galego dende o ámbito local".

Xestionando as actividade de fomento do idioma dende esa rede participada pola Administración autonómica e a local "optimízanse recursos e elimínanse duplicidades", defende a Xunta. Non obstante, o proxecto mereceu o desprezo dos grupos socialista e nacionalista. O deputado do PsdeG, Francisco Cerviño, cualificou o plan como "instrumento de propagando, autobombo e arma electoral de apoio ao Partido Popular", xa que, segundo explicou, estaría a beneficiar "principalmente" aos concellos e deputacións gobernadas polos conservadores.

Por parte do BNG, Bieito Lobeira afirmou que a Rede de Dinamización só pretende "lexitimar a política agresiva da Xunta sobre a lingua tamén no ámbito municipal". O deputado do Bloque afeoulle a Lorenzo que a rede, como tal non está constituída, e nin sequera foi explicada antes da súa publicación no DOG. Tamén o acusou de esquivar as explicacións debidas sobre as previsións de cumprimento do Plan Xeral de Normalización e resolveu que esta nova iniciativa foi ideada pola Xunta para "controlar de forma piramidal e sectaria" as políticas locais en defensa do galego.

O secretario de Política Lingüística insistiu nas bondades da súa proposta, argumentando que supera as diferenzas ideolóxicas.

Institucional