Pucho Boedo. Un crooner na fin do mundo

Pucho Boedo. Un crooner na fin do mundo

22 de Xaneiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O 26 de xaneiro de 1986 finaba na Coruña o máis grande mestre da canción galega, Pucho Boedo.
O vindeiro luns –véspera da efeméride- proxectarase na súa honra o documental “Un crooner na fin do mundo” na sede do CGAI, rúa Durán Loriga 10, ás oito da tarde. De seguido, na praza de Sellier, no bar Buserana –antigo Rial- onde o mestre algunha cunca ten tomado- as e os puchistas sinceros seguirán a significar

Recapitulación de Xurxo Souto pola memoria de Pucho Boedo

Na épica contemporánea dos galegos o gran heroe non é guerreiro senón vocalista: Pucho Boedo. Un artista superdotado –en sensibilidade- que pousou a aloumiña da emoción en todos os que o escoitaron.       
A Pucho pásalle como a Carlos Gardel: cada día canta mellor.

Un mito verdadeiro, porque os seus mentores non foron os grandes medios de comunicación. Fomos nós, as súas veciñas e veciños . Pucho Boedo é o noso crooner . Non importa o contexto, todos os coruñeses da súa xeración afirman ter sido amigos persoais do vocalista. Un orgullo. Abenzoada cidade esta que sabe honrar os seus artistas.

Pucho Boedo, nado n’A Silva, 1929, no lugar da Ramalleira. Primeiras actuacións coas orquestras da cidade. Iniciación tropical –ano 54-  cos Satélites en Venezuela. Triunfo cos Trovadores,  así chamados polas “trobas” que lucía Pucho ( pioneiro, antes dos Beatles, no pelo longo).  E cos Tamara, ano 1960, chegou descuberta da chanson fracesa, compartindo durante un mes escenario con Jacques Brell no mítico Olympia de París.                                                                        
Pucho, dandi bohemio, conquistador…O sorriso do crooner agachaba unha grande dor. O seu pai e o seu irmán, lideres sindicalistas daquela Coruña libertaria, foron asasinados tras do golpe militar contra a República. Pucho tiña sete anos. Unha dor da que non lle estaba permitido falar, mais que podía expresar á fin cada vez que subía ao escenario.  Por iso cando o seu amigo Prudencio Romo lle entregou os versos de Curros, Rosalía e Celso Emilio Ferreiro, naceu algo tan fondo que nos vai emocionar sempre. E un tema, o Vello e o Sapo, o seu preferido, no que co “puño pechado”  agromaba de vez ese desacougo que habitaba as súas entrañas.

Pucho, aquel rapaciño da Silva. Dicían que de pequecho cantaba tan ben que as mulleres no río paraban de lavar. Cando lle cambie a voz, acabouse Pucho, anunciaban os expertos. Cambioulle a voz e converteuse nun mito. Finou no ano 1986.  Os grandes artistas non morren, porque cando a súa vida acaba comeza a lenda.

Señor da canción coruñesa, que o talento destes tempos sexa digno da ledicia do teu nome: Pucho Boedo !
                                                                       Xurxo Souto

Sociedade