Qué facer coas sobras do cocido

Que facer coas sobras do cocido
20 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Como de Santa Bárbara cando trona, lembrámonos das croquetas, cando a comida sobra. E despois do Entroido sempre sobran carnes.

A croqueta ven sendo unha masa feita a base de bechamel envolta en pan relado e frita na tixola. O recheo soe facerse con sobras ou con productos escollidos como marisco ou xamón, entre as máis comúns. Parte do segredo dunhas boas croquetas está en darlle sabor á masa coa auga de cocer o recheo. Como o Carnaval da as últimas bocanadas, aproveitamos os restos de carnes para facer unhas croquetas de cocido.

A receita das croquetas de cocido:

O primeiro será picar a carne que sobrou, a poder ser equilibrando porco, tenreira, polo, touciño e chourizo, e un pouco de verza que lle da asúa graza. Facemos unha bechamel á que se lle engade, aínda en quente,o picado. Retiramos todo a unha fonta para arrefriar para facer despois as boliñas. Collemos un anaco de masa á que daremos forma coas mans ou coa axuda de dúas culleres. Envolvémola en fariña, ovo e pan relado, por esa orde. Frítense en aceite moi quente.

Tamén se fan croquetas de pataca

Pelamos catro patacas e cocémolas en auga e sal. Unha vez cocidas esmáganse cun garfo engadíndolles unha noz de manteiga e un grolo de leite ata lograr un puré espeso. Entón engadese un ovo batido e uns anaquiños de xamón cortado moi miúdo. Dáselles a forma de croqueta e envólvense en ovo batido e pan relado para finalmente fritilas en aceite quente. Se as comemos acompañadas dunha ensalada de tomate, xema de ovo e remolacha ou lombarda, denomínanse “croquetas de pataca republicana”.

Cultura

Publica o teu comentario agora