Qué reclamaban o 10 de marzo de 1972?

Qué reclamaban o 10 de marzo de 1972?

07 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Reclamaban un convenio de factoria. Esa era a principal demanda da manifestación dos traballadores de Bazan que o 10 de marzo de 1972 a policia franquista disolve a tiros na avenida das Pias. Causan a morte de Amador Rey e Daniel Niebla e feridas a máis de 50 empregados. Os sucesos teñen unha gran repercusión internacional o que dana de maneira importante á dictadura de Francisco Franco.

A comezos da década dos 70, no estaleiro Bazán de Ferrol, o salario era baixo e as condicións de traballo precarias. O Partido Comunista e Comisións Obreiras tiñan decidido infiltrarse nas estructuras do Sindicato Vertical para atopar cobertura legal nas actuacións antifranquistas e contribuir a defender os dereitos dos traballadores. A maioria do xurado de empresa de Ferrol era favorable as teses de CCOO pero en Cádiz e Cartaxena dominaban os falanxistas. Os traballadores ferroláns deciden solicitar un convenio de factoría ou provincial.

 

En primeiro lugar abandonan as horas extraordinarias como medida de presión. Realizan unicamente a xornada normal, mentres os representantes laborais néganse a ir a Madrid a negociar. As protestas van in crescendo e se programan paros parciais e asambleas diante da dirección da empresa. O equipo directivo responde con amenazas e expedientes. O 9 de marzo, os gardas de seguridade de Bazán impídenlle a entrada a 6 dirixentes sindicais. Polo estaleiro corre a voz en cuestión de minutos e de xeito automático se declara o paro. Todos eles concéntranse diante do edificio da dirección, e alí se atopan coa sorpresa dun impresionante desplegue policial. Son arredor de 6.000 os empregados concentrados e a Policia franquista arremete contra deles provocando unha batalla campal.
Ao dia seguinte, Bazán non abre as súas portas. Os traballadores realizan unha asamblea multitudinaria no Cantón de Molíns e inician unha manifestación en dirección a Caranza. A marcha detense ao chegar á avenida das Pias e atopar á Policia Armada que empeza a tiros cos manifestantes. Dous obreiros de Bazan, Amador e Daniel, caen mortos. Outros 50 homes reciben feridas de bala.

Ferrol semella unha cidade en estado de sitio na tarde do 10 de marzo. Multiplícanse os controis policiais polas rúas e a cidade vese invadida por axentes de todo tipo de forzas de seguridade. A reapertura de Bazán prodúcese 10 dias despois. Para evitar protestas, a empresa vai chamando aos traballadores por pequenos grupos. 60 homes entran na cadea, outros exilianse. A lei de amnistia de 1976 propiciará a volta a Ferrol dos 3 derradeiros represaliados polos feitos de 1972. En calquera caso os sucesos de marzo marcaron o inicio do declive da dictadura franquista.

Sociedade