Qué tipo de sociedade queremos?

Qué tipo de sociedade queremos?
02 de Abril, 2020 - 11:14 h. | Publicada por Radio Fene

Xosé Díaz defende ante esta crise sanitaria que pelexemos con uñas e dentes por todo o que é colectivo, como a sanidade. É unha das leccións que aprendemos nesta crise.

ESCOITA O PODCAST:

Defender o colectivo

A primeira das moitas conclusións que se poden tirar da situación que estamos vivindo é que a xente ten que entender que o Sistema (con maiúsculas) que rexe as nosas vidas, é incapaz de resolver as cuestións sociais. Quen reflexiona con nós sobre isto é o economista ferrolán, Xosé Díaz, que en términos sanitarios, se pregunta: “se non tivésemos unha sanidade pública -con defectos- que acontecería? E respondese, que o número de afectados e de mortos se multiplicaría”. Conclúe entón Díaz, que temos que defender con moita forza o que é colectivo, como a sanidade ou como os aplausos das oito da tarde. Esta é unha das ensinanzas que nos deixará esta nova crise, afirma.

A lei da selva

Falando en termos estritamente económicos, Díaz resume que non podemos consentir “a lei da selva”. Segundo a súa opinión, o Banco Central tiña que soltar diñeiro para permitir que o Estado atendese ás necesidades das pequenas empresas e dos autónomos, e dar liberdade ás comunidades autónomas e concellos para utilizar como crean conveniente os seus recursos senón, cando isto remate, a situación será irreparable. Pero unha norma europea impide aos bancos centrais axudar aos seus Estados. “Iso non pasa en ningunha outra parte do mundo” sentencia Díaz.

A xestión da crise

Entendendo que parar todo e confinarse é a única maneira de acabar coa alarma sanitaria, Xosé Díaz ten moitas críticas que facer á xestión desta crise, entre elas que se centralizase a nivel estatal a compra das EPIS ou que non se pechasen zonas como Madrid desde o primeiro momento. O retraso das medidas adoptadas é evidente para o economista ferrolán que lembra como en Galiza detectáronse os tres primeiros casos positivos o 3 de marzo e que non se prestou a debida atención ata o dia 12.

A curva

“Sanitariamente é grave a situación” sentencia Pepe Díaz, quen pasa o dia facendo a curva e non lle saen as contas. Segundo as súas contas particulares, é probable que cheguemos aos 5.000 contaxiados a fin de mes en Galicia. “Non vexo a curva da campá” di, para concluír que seguramente o confinamento se estenderá por outros 15 dias máis. Engade Díaz que hai que ser respectuosos e seguir estritamente as normas que require esta situación, pero tamén di que a xestión foi bastante deficiente en Galicia e no Estado. E sentencia: “O que está en discusión é que tipo de sociedade queremos”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora