A química vista doutra maneira en Burela

A química vista doutra maneira en Burela

06 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Os vindeiros 9 e 10 de setembro o Salón de Plenos do Concello de Burela acollerá un curso de verán da Universidade de A Coruña, organizado conxuntamente co IES Monte Castelo, para conmemorar o Ano Internacional da Química.

Baixo o título “2011. Ano Internacional da Química: achegas desde diferentes perspectivas”, o curso pretende contribuir á formación de estudantes e profesionais da Química, especialmente aqueles vencellados á Mariña Lucense e á comarca de Ortegal, a través dun foro de formación, reflexión, debate e divulgación da disciplina.

Ao longo dos diferentes relatorios analizarase a presenza de noticias relacionadas coa Química nos medios de comunicación, así como o enfoque que habitualmente se lle dá ás mesmas, daranse a coñecer recursos para empregar na aula de Química que axuden a motivar ao alumnado e a transmitirlle os múltiples aspectos positivos desta ciencia e contribuirase a visibilizar o papel da muller na Química ao longo da historia e na actualidade, aproveitando o centenario da concesión do Premio Nobel de Química a Marie Curie. Abordarase tamén a ligazón da Química con múltiples disciplinas, en particular coa Arte, polo feito de conmemorarse este curso o 10º aniversario da implantación do Bacharelato de Artes no IES Monte Castelo.

Os relatores, especialistas todos eles de recoñecido prestixio, contribuirán a concienciar aos profesionais da Química da importancia de transmitir á sociedade o papel fundamental desta disciplina na mellora da calidade de vida e do benestar dos cidadáns.
Toda a información relacionada co curso pode atoparse na páxina do IES Monte Castelo e na páxina de cursos de verán da UDC (http://www.udc.es/occ/gal/2011/cveran/cursos2011/2011curso21.htm), accedéndose a través desta última a aplicación telemática que permite formalizar a matrícula. A tarifa xeral do curso é de 15 euros, mentres que a comunidade universitaria da UDC, os estudantes de ciclos formativos de grao superior e de bacharelato e os desempregados teñen unha tarifa reducida de 10 euros.

Sociedade