Que entre a luz pero non a auga

As fiestras do cine Adriano foron saneadas por persoas voluntarias de Patio de butacas
04 de Setembro, 2020 - 11:19 h. | Publicada por Radio Fene

As fiestras do ambigú do cine Adriano sometéronse a un mantenemento para evitar as inclemencias do tempo. Aproveitouse o verán para ese cometido que respeta totalmente as ventás orixinais.

O verán é tempo propicio para facer mantenemento. Non se lle escapa á asociación Patio de butacas no seu proxecto de manter en pé, na medida das súas posibilidades, o edificio que albergou o cine Adriano de Barallobre. A última empresa, na que empregan todos os esforzos humanos e materiais ao seu alcance é a reparación das fiestras do espazo que alberga o ambigú da sala. O traballo, levado a cabo polas artistas que forman parte da asociación, supuxo o seu desmonte e saneamento, lixado, tratamento anticouza e acristalado. Non teñen palabras para agradecer a colaboración da empresa Trisquel Vidrios que regalou os vidros cortados e preparados para colocar.  Seis ventas e sete medias lúas enriba delas xa están listas. Queda unha nada máis para finalizar un mantenemento que esixe a lei de patrimonio histórico aos seus propietarios. A intervención permitirá que o ambigú poida albergar un taller de pintura no futuro. Unha empresa complexa tendo en conta o paso do tempo.

O traballo ven unirse aos xa realizados no edificio, como a restauración do bambalinón, do escenario ou a impermeabilización da terraza. Todo para preservar o interior do Adriano das inclemencias do tempo e da auga que entraba no interior, froito do mal estado da cuberta e das fiestras. Mentres non chega unha subvención coa que emprender outras melloras, Patio de butacas non cede e sigue empeñada na preservación e posta en valor deste cine de Fene que forma parte da nosa memoria e do noso patrimonio histórico e cultural.

Patio de Butacas é unha asociación cultural sen ánimo de lucro constituída oficialmente en marzo de 2016. A asociación está centrada na recuperación do Cinema Adriano de Barallobre como espazo para o desenvolvemento de actividades relacionadas coa arte e a cultura. Ademais, a Asociación realiza unha programación de eventos culturais como espectáculos de teatro, monólogos, proxeccións de cinema ou festivais multidisciplinares co obxectivo de dinamizar a ferta cultural da comarca e, ao mesmo tempo, dar a coñecer a Asociación e a súa sede, o cinema Adriano, como espazo vivo e aberto ás iniciativas dos artistas que queiran participar no proxecto. Os socios pagan unha cuota de 20€ ao ano.

Cultura

Publica o teu comentario agora