Que non camiñen soas

Que non camiñen soas
18 de Xaneiro, 2021 - 11:27 h. | Publicada por Radio Fene

O Racing de Ferrol, os equipos favoritos da Terceira división e dar voz ao fútbol feminino. Para falar de todo iso reunimos a dous expertos como son Carlos Castro, director da Revista de fútbol feminino e Manel Díaz do portal “mucha calidad”.

ESCOITA O PODCAST:

O Racing de Ferrol

Onte faltándolle tres efectivos, o Racing foi xusto vencedor. Está a un punto do terceiro clasificado, o Deportivo da Coruña, pero, como gañen os encontros aprazados os tres equipos que ten detrás, ponse sétimo. Carlos Castro convén en que hai moita incerteza e cousas pendentes de resolver para o equipo ferrolán. Manel Díaz, pola súa parte, afirma que as sensación que deixou onte fronte ao Pontevedra, un dos favoritos, foron moi boas. “O Racing fixo grandes partidos fora da casa pero A Malata é un obstáculo. Se iso vira, ten opción a meterse entre os tres primeiros”. En palabras de Carlos Castro, o Racing mostrou unha grande implicación co técnico. “Non queren deixalo marchar” e engade que fixo un equipo moi novo que precisa dun período de adaptación. Apunta Manel Díaz que onte veuse ao Racing ao completo cuns cambios que contribuíron á vitoria. “Se vai por aí e todos suman, este Racing ten moito que dicir”. Ambos coinciden en que ten que mellorar; Carlos apunta que na posesión e na mellor circulación do balón. Manel di que debe mellorar a efectividade arriba, buscar un nivel goleador máis alto.

Falando da Terceira división, coinciden en que o Somozas é un serio candidato ao ascenso, coa fichaxe de Pablo Rei que foi clave e As Pontes non cambiou a dinámica de xogo aínda co novo adestrador que non estivo no banco. No que respecta ao fútbol base, opinan que está difícil porque o ano está practicamente perdido.

Fútbol feminino

Carlos Castro e Manel Díaz están empeñados en dar voz ao fútbol feminino, daí que vaian producir un programa en Radio Fene-Radiofusión. Veñen dicir que "non existe desde o punto de vista xornalístico ningún espazo proporcional á evolución do fútbol feminino". En Galicia as carencias aínda son maiores. En Radio Fene-Radiofusión váiselles dar voz porque, afirman: “Hai que estar con elas para que non camiñen soas”.



(Na imaxe, Carlos Castro e Manel Díaz)

Deportes

Publica o teu comentario agora