Que non falte traballo

Que non falte traballo
14 de Setembro, 2023 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

Reciclarse para abrir novas portas ao mundo laboral. Os concellos de Fene, Ares, Mugardos e Cabanas apostan pola formación para axudar á inserción laboral de persoas desempregadas. Colaboran nunha iniciativa para que persoas que están no paro aprendan un oficio que lles permita reengancharse no mercado de traballo. A final de mes rematará o obradoiro dual de emprego Reinicia IX no que participaron vinte persoas desempregadas dos catro concellos. Carlos Romero, docente da especialidade de carpintería; Jesús Castro, alumno traballador da especialidade de Atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, e Juan José San Martín, alumno da especialidade de carpintería, fixeron balance dunha formación que remata o día 29 de setembro.

ESCOITA O PODCAST:

“Estaba en desemprego, encantoume a formación e a seguridade de ter un soldo durante un ano, desexaría que máis xente poida reciclarse, eu fun funerario doce anos, pechou a empresa e quedei no paro”, relata Jesús. Louba a formación recibida que permite “abrir portas e ter opcións, estou encantado con todo, o profesorado e os materiais que nos deron”. “Eu viña de estar catro anos no paro, desde servizos sociais dixéronme que se ía abrir pronto o prazo do obradoiro de emprego”, conta Juan Jesús. “Moi agradecido pola oportunidade, aprendes un novo oficio, penso que estamos capacitados e que podemos render igual que outro traballador”, asegura. “Temos case 1.000 horas de prácticas e xa estamos facendo entrevistas de traballo, eu fixen unha esta mañá”, engade Jesús. “Oxalá sigan investindo cartos na xente. É bo ter portas abertas para que nunca che falte traballo”. 

Balance positivo tamén para o docente, Carlos Romero. “A carpintería é moi bonita e agradecida, aínda que ao primeiro téñenlle medo pola ferramenta”, explica. Ao remate do curso “case o 90% son autónomos ao 100%”. “Demanda de man de obra hai”, asegura sobre ás saídas que se lles abren ao rematar o período de formación. Os que o superan recibirán os correspondentes certificados de profesionalidade. Os alumnos traballadores cobran unha remuneración mensual e están dados de alta na Seguridade Social. Por parte do Concello de Fene, o alumnado traballador estivo composto por nove persoas, catro recibiron formación na especialidade de socio-sanitaria e cinco na de carpintaría. O proceso formativo remata o 29 de setembro, durou un ano, desde o día 1 de outubro de 2022. Neste tempo os asistentes aprenderon teoría e tamén fixeron prácticas das súas especialidades en institucións públicas. Os de carpintería, por exemplo, realizan mobiliario para distintas dependencias municipais.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora