Que pasou coas caixas de aforro galegas?

Que pasou coas caixas de aforro galegas?
17 de Outubro, 2020 - 12:05 h. | Publicada por Radio Fene

Esa foi a pregunta que se fixo Ana Pontón a mañá do venres no Parador de Turismo de Ferrol. Núñez Feijoo brindou con champán no acto da fusión de Caixa Galicia e Caixa Nova. A Audiencia Nacional censura agora aquel proceso impulsado pola Xunta de Galicia. Fusionaronse e quebraron.

ESCOITA O PODCAST:
Ana Pontón na rolda de prensa no Parador de Turismo de Ferrol

O rescate das caixas costoulle ao erario público nove mil millóns de euros, a maior fraude do século á economia galega, segundo Ana Pontón. A fusión de Caixa Galicia e Caixa Vigo derivou nunha nova entidade, NovaCaixaGalicia, que, unha vez transformada en banco, foi vendida por mil millóns de euros ao venezolano Banesco previo desembolso de 9.000 millóns de euros das arcas públicas. A Audiencia Nacional, a través dun auto do pasado día 1 cuestiona a fusión das caixas galegas, un proceso que rematou coas dúas entidades bancarias.

A Audiencia Nacional sinala a un dos actores, Caixa Galicia, como responsábel de que a nova entidade quebrase e tivese que ser rescatada. A entidade financeira dirixida por José Luis Méndez estaba nunha situación de risco e comprometía a súa solvencia para ser viábel por ela propia. Diferente era, segundo esta sala, a situación de Caixanova, que, afirma, “podería vivir por si propia”, se ben non exenta de dificultades.

A fusión de ambas caixas tiña o apoio da entidade coruñesa e a oposición da viguesa. E aí entrou a Xunta da Galiza, cun informe da auditora KPMG que indicaba que a unión de ambas as dúas entidades daría unha única caixa “solvente” e “viábel”. Despois da fusión e da quebra, KPMG apresurouse a matizar que o que ela fixera non fora unha auditoría. Frances Gibert, un dos responsábeis daquel informe de KPMG encargado pola Xunta sobre as caixas galegas e polo que pagou un millón de euros, recoñece que era un informe “de trazo gordo”, que “en ningún caso” fora unha auditoría das entidades e que nunca recomendara a fusión. Todo o contrario do que o goberno de Núñez Feixóo dicía en 2010, cando presentara ese traballo como o aval definitivo que recomendaba fusionar Caixanova e Caixa Galicia.

Novacaixagalicia quebrou e rematou en mans do banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet, tras pagar 1003 millóns en 2013. O estado previamente saneara a entidade con 9.000 millóns, polo que os contribuintes perderon oito mil millóns no terceiro rescate máis costoso da banca española.

Institucional

Publica o teu comentario agora