Quedamos sen fútbol

Quedamos sen fútbol
11 de Xaneiro, 2021 - 10:29 h. | Publicada por Radio Fene

A Federación Galega de Fútbol xa tomou a decisión. Non haberá competición na Primeira Galega de Fútbol e cancélanse tamén as de Segunda e Terceira Autonómicas.

ESCOITA O PODCAST:

Non haberá competición na Primeira Galega de Fútbol e cancélanse tamén as de Segunda e Terceira Autonómicas. Foi a decisión adoptada pola Federación Galega de Fútbol á vista do número de baixas comunicadas polos clubs que decidiron non inscribirse. “Se non hai primeira, é ilóxico que compitan segunda e terceira” manifesta o delegado da Federación Galega de Fútbol en Ferrol, Abraham Yáñez, quen engade que o período de inscrición do fútbol base aínda non se abriu pero é probable que non saia adiante. “Eles non teñen custos de mutualidades, non sería tan complexo facer algún tipo de torneo, pero hai que agardar, aínda non tomaron a decisión”. Tampouco se xogará a Copa porque o seguro médico é caro e a copa curta. “Non vas abonalo para xogar só dúas eliminatorias” asegura Yáñez.

Preguntámoslle como recibiron os clubs esta noticia e o delegado da federación ferrolá responde que hai de todo, uns querían competir e outros non. “Calquera decisión é lícita”. Dos oito equipos da zona, sete formularan a inscrición para non perder a categoría en caso de que houbese competición, pero xa non confiaban. Agora toca preparar a próxima temporada. “Imos agardar a ver como seguen as cousas, aínda hai moita incertidume de momento”. Abraham Yáñez agarda que no verán se recupere a normalidade e para iso hai que ir estudando pouco a pouco a próxima temporada porque hai que abordar modificacións regulamentarias.

Deportes

Publica o teu comentario agora