Quedan dias para coñecer a Daniela

O 12 de outubro publícase a novela de Belén Fernández Vilar na súa web
24 de Setembro, 2020 - 10:32 h. | Publicada por Radio Fene

Belén Fernández Vilar traza en "Daniela" unha historia de atrancos e superación. A trama desenvólvese en Vila Allada, pobo que podería converterse no escenario de máis historias desta autora, veciña de Fene.

ESCOITA O PODCAST:

A escritora

Temos diante nosa a unha moza de Perlío -Fene- escritora de moitos contos, algúns deles premiados, que vai presentar a súa primeira novela longa na web belenvilar.com o dia 12 de outubro, dia do Pilar. Editar a novela é un longo soño que se vai facer realidade grazas á decisión de crear esta páxina web, onde o lector terá acceso a ela desde calquera plataforma, suscribindose de por vida por 10€. “Daniela” comezou a xestarse hai tres anos ata que en 2019 a súa autora, Belén Fernández Vilar, decidiu presentala ao Premio Planeta. Tras intentar infrutuosamente a súa publicación nunha editorial ao uso -“é algo moi complicado porque somos moitos”-,  tomou a decisión de crear este espacio, asesorada por unha empresa, para publicar tanto a novela como os seus contos, estes últimos de balde. A web belenvilar.com convértese así na súa propia editorial. “Eu xa me considero escritora porque escribo dende sempre. Agora sei que o meu soño se fai realidade. Quero dedicarme a isto” afirma ilusionada.

A novela

Tras o trauma da separación dos seus pais “Daniela” toma uns camiños na vida equivocados ou, se queremos, de aprendizaxe. Alcohol, cocaína, prostitución de luxo…unha vida dura que vai derivando cara á súa superación. Diso vai a historia que se move entre Málaga e Vila Allada – vila inventada pola autora entre Simou e Cedeira-. Belén Fernández Vilar mima tanto os personaxes que traballa sobre eles nunha páxina aparte. A cada personaxe lle pon unhas características moi específicas, insiste, “porque as vidas das persoas son todas moi relevantes e todas teñen dereito a unha segunda oportunidade”.

Belén traballa nunha segunda novela, protagonizada neste caso por Aurora, alta executiva dunha empresa. A nova historia volve a Vila Allada e por ela crúzanse algúns personaxes que recoñeceremos. A curiosidade está servida.

Cultura

Publica o teu comentario agora