Queremos Galego: Que se cumpra a lei co idioma galego

Queremos Galego: Que se cumpra a lei co idioma galego

18 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Que se cumpra a lei coa lingua galega. Ese é o obxectivo da plataforma Queremos Galego presentada este meiodia en Santiago de Compostela. Convocan unha manifestación para o 18 de outubro e reclaman medidas de protección e de promoción para un idioma en perigo. Queren sumar a todo tipo de entidades nunha maré de defensa da pluralidade lingüística.

Na conferencia de imprensa celebrada hoxe, Fran Rei, en representación da comisión xestora do colectivo, deu conta do proceso de expansión territorial no que neste momento se encontra a plataforma, coa perspectiva de que nos próximos días conclúan os actos constituíntes, previstos nun total de 19 comarcas que abranguen, segundo explicou, "a práctica totalidade do país". 

A plataforma Queremos Galego anunciou a data da gran manifestación en favor da lingua cuxa convocatoria xa adiantara no mes de xullo: será o vindeiro 18 de outubro en Santiago de Compostela e partirá ás 12 da mañá da Alameda. Esa mesma chamada ao conxunto da sociedade "é válida tamén para que se sumen a esta plataforma e ás súas iniciativas as persoas e entidades que entenden o galego como un elemento a querer e a defender fronte a quen pretende agredir os nosos dereitos", dixo. 

Por outra parte, esta mañá presentouse tamén o texto da iniciativa lexislativa popular pola protección dos dereitos lingüísticos, que desde a plataforma se promove. Trátase dun texto "moi breve e sinxelo que non reclama imposíbeis", segundo explicou Fran Rei, "senón a adopción de medidas legais dirixidas a cumprir todo aquilo que xa está previamente recollido na lexislación". A ILP será rexistrada nos próximos días no Parlamento de Galiza, que ten un máximo dun mes para decidir sobre a súa admisión a trámite e dar instrución á Xunta electoral central para que inicie o procedemento recollido legalmente. 

A plataforma Queremos Galego conta con poder levar a iniciativa á rúa e comezar a recollida de apoios o vindeiro mes de novembro, estendéndoa durante 4 meses.

Cultura