Queremos meternos con ACDC

Queremos meternos con ACDC
04 de Setembro, 2019 - 08:20 h. | Publicada por Radio Fene

"Queremos meternos con ACDC" afiman as integrantes de Aquelas. Ademáis do repertorio clásico tamén tocan pezas de música tradicional de Brasil e en xeral de Sudamérica. O cuarteto de violíns ofrece un concerto este venres na Sala La Room de Ferrol.

Aquelas, cuarteto de violíns

Rosa Fernández e Iria Rico ao violín, Lucía Camiños á viola e Lucía Vicente ao cello integran o cuarteto Aquelas que está a revolucionar o panorama musical da comarca. Este cuarteto clásico decidiu darlle unha volta de porca ao repertorio. «Abarca de todo, desde tango, pop rock, latino... o que nos van pedindo», explica Rosa.

A formación deste grupo foise fraguando da forma máis natural posible. Co paso dos anos, as catro integrantes non pararon de coincidir en concertos. «Iria e eu somos compañeiras de traballo no Conservatorio e coñecémonos de hai moitos anos, de estudar a carreira de violín xuntas», sinala Rosa. Iria e Lucía traballan pola súa banda en diversas escolas de música. En común teñen todas a súa dedicación á docencia. «No mundo musical xa tocamos máis veces xuntas, por exemplo, coincidimos nun bolo ochentero con Michel Erentxun», lembra.

Así naceu Aquelas. «Ocorréuselle a Iria, coa idea de reivindicar a "todas aquelas mulleres do pasado como Clara Schumann, Maria Anna Mozart... músicas, científicas, deportistas... o que sexa, que non puideron levar a cabo a súa paixón simplemente por ser mulleres. Nós temos a sorte que a nosa paixón é a música e podemos facelo", sinala a violoncelista.

A outra vertente reivindicativa do grupo é sobre o seu amor por Ferrol. «Tiñamos en mente facer un grupo ferrolán de mozas coa idea de apoiar a cidade e a causa de mulleres que teñen liberdade para levar a cabo a súa paixón. Explicámolo nos concertos e temos a sorte de poder tocar aquí», destacan.

Empezaron a súa andaina no ciclo Mulleres da Room e non deixaron de ir crecendo. Que se pode escoitar nos seus repertorios? «Isto empezou en febreiro, un pouco sen saber como. O cuarteto clásico é algo que todo violinista ten na cabeza, tentar facer un grupo así algún día», detalla Iria, pero Rosa apunta que lles encanta o poder saír do repertorio clásico.

«Traballamos con clásico, tocamos sempre clásico, e tiñamos moitas ganas de saír e facer algo do mundo da noite, da rúa... É un respiradeiro para nós. Temos claro que imos seguir e eu creo que co tempo imos ir probando e atopando os estilos que máis nos van», recalca.

Así, as súas actuacións son en grao sumo variadas, con música de Brasil e de Latinoamérica, algo de jazz, soul, rock, pop, algúns temas de Metallica, Queen, Guns N? Roses, Black Sabbath, The Police, Ben E. King, Billy Joel.. «Agora temos ganas de meternos con temas de rock como AC/DC», recoñece Rosa. Pero é necesario conseguir bos arranxos dos temas. «Conseguir os arranxos é toda unha arte. Algúns que chegan ás nosas mans están moi ben, outros vemos que non funcionan...», recalca Iria. Por iso gustaríalles involucrar a máis compañeiras no traballo de arranxos.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora