Queren crear unha escola de ensino en galego na comarca de Ferrol

Queren crear unha escola de ensino en galego na comarca de Ferrol

21 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Semente Trasancos é unha asociación recén constituída que ten por obxectivo crear unha escola de ensino en galego na comarca. Para isto, varias persoas inician unha andaina que parte da realización de actividades que permitan fomentar a convivencia cultural e educativa, e recadar cartos para a creación da escola.

Despois da actividade do Apalpador, realizada en Nadal en Neda, este domingo celebran un Xantar de Entroido no local da asociación Terra" en Pontedeume. Están apuntadas algo máis de 50 persoas e consiste nunha laconada e postres típicos de entroido.

Pola tarde, terá lugar o concerto de Uxia, presentando o seu disco de "Rosalía Pequeniña", no local de Caixa Galicia, tamén en Pontedeume. O concerto é ás 18:30 horas e ten un custe de 5 euros para persoas adultas e 3 euros a partir de 2 anos, e está aberto a todas as persoas que queiran acudir.

A asociación está a traballar en futuras actividades, ao tempo que elabora diferentes materiais cos que seguir espallando o idioma e a cultura. Semente Trasancos, forma parte dunha rede máis grande, existindo en Compostela a primeira escola Semente dende hai xa 3 anos. En Vigo existe tamén un colectivo traballando a favor da iniciativa.

Sociedade