Quero surfear toda a vida

Quero surfear toda a vida
21 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cristina Irisarri é surfista porque tiña que ser así, vindo de onde ven e vivindo onde vive. De surf e de ioga, outra das súas disciplinas favoritas, falamos coa deportista ferrolá, dias despois de saber que o surf xa entrou no Olimpo. É das que pensa que somos uns afortunados por vivir onde vivimos, Ferrolterra.

ESCOITA O PODCAST:

O surf chegou á súa vida de forma natural, como unha herdanza, de pais e tios a filla e sobriña. "Era meterse na praia e gozar". Así lembra a ferrolá Cristina Irisarri como se subiu ás primeiras ondas, anos antes da época das competicións. Chegou a ser campioa galega durante varios anos, chamárona para os mundiais de California coa Selección Española e acadou en xeral bos resultados nas competicións estatais. Pero ela destaca o que lle aportou o deporte a nivel persoal.  “ A miña aspiración é seguir surfeando toda a vida” afirma, para indicar que se pode surfear ata unha idade avanzada e pon de exemplo ao seu pai que sigue entrando nas ondas aos 70 anos.

Non hai idade para aprender e practicar o surf, calquera idade é boa, dependendo das nosas aspiracións, claro. Se empezas de pequena todo é máis doado e podes aspirar a competir. Afondamos con Cristina Irisarri nas marabillas e dificultades deste deporte que, como todos, require dunhas capacidades físicas. A complexidade está en función do tamaño e tipo de ondas así como do material que utilices, porque disto último depende a estabilidade. A entrada no Olimpo ven ser para Cristina o recoñecemento do surf como o deporte que é. “As Olimpíadas daranlle unha gran difusión”.

Falemos de sexos

Partimos de que homes e mulleres somos diferentes en todos os sentidos. Como en todos os deportes tamén no surf se perciben diferencias. “Eles teñen en xeral máis forza física, pero as diferencias cada vez son menos” afirma convencida a deportista ferrolá. Engade Irisarri que o surf feminino deu un salto enorme e pon un exemplo; “había praias en Hawai só para os homes. Hoxe entran as mulleres”.

As nosas praias

“Vivimos nun entorno privilexiado. Podemos surfear os 365 dias do ano. Temos ondas de todo tipo e tamaño e diferentes alternativas dependendo da dirección dos ventos”. Descubrimos en Cristina Irisarri a toda unha experta explicándonos que, se o vento é do nordés, Doniños é a praia ideal para surfear pero na fragata en Cobas teremos menos mar. San Xurxo, Ponzos, Valdoviño son dos mellores areais do mundo. “Eu que coñecín praias polo mundo, podo dicir que como as nosas poucas hai” declara fachendosa.

O Ioga

O ioga chegou á vida de Cristina Irisarri apegado ao surf, como unha parte da súa preparación. Vivir en Londres unha temporada e ter que prescindir do surf achegouna máis estreitamente a esta disciplina que hoxe imparte. Segundo a deportista, o ioga aporta beneficios físicos e mentais indiscutibles. Forza, equilibrio, exercitación muscular e das articulacións, son algúns dos beneficios do primeiro capítulo. A meditación apórtanos calma, alivia o estres, regula o sistema nerviosos e afasta a depresión. Qué máis podemos pedir.

Viaxar

As restricións á mobilidade frearon unha das afeccións de Cristina Irisarri e de moitas persoas, viaxar. A súa resposta rápida é  que hai que adaptarse con bo talante ao momento que vivimos. E conclúe: “Vivindo onde vivimos, somos uns afortunados. Vivir en Ferrolterra é un luxo”. E déixanos un recado, aproveitemos para coñecer zonas que aínda descoñecemos.

Deportes

Publica o teu comentario agora