Quesos Entrepinares poderá instalarse en Sete Pontes

Quesos Entrepinares poderá instalarse en Sete Pontes

18 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A instalación de Quesos Entrepinares no Polígono Industrial Sete Pontes xa ten o informe urbanístico favorable da Xunta de Galicia, co que só queda que o pleno da semana que ven lle de o seu ok para que esta empresa poida ocupar os 70.000 metros cadrados que están a disposición da firma castelán-leonesa.

Outra das condicións para que esta compañía achegase unha planta produtiva á capital chairega era a construción dunha ampliación da depuradora por parte de Xestur. O departamento autonómico tamén concedeu os permisos pertinentes para acometer esta obra a este organismo semi-público, polo que Entrepinares ten luz verde para poder comezar o seu acomodo dentro do Polígono vilalbés.

O seguinte paso dependerá da aprobación parcial da modificación da segunda fase da ampliación de Sete Pontes por parte do pleno da corporación, ademais da concesión da licencia de obra polo concello. O equipo de goberno tratará de acelerar estes últimos pasos para poder ofrecer á empresa a posibilidade de comezar a edificación no período mais breve de tempo.

Así, o alcalde da vila, Gerardo Criado, manifestou que “a partir dos próximos dez días esta empresa terá todas as bendicións para poder comezar a traballar”. Para o edil popular, esta “é unha obra importante para unha vila como a nosa, xa que esta firma daralle un valor engadido ao sector primario da zona, porque mercarán o leite na comarca e poderanse minimizar un pouco estes problemas dos prezos do leite, así como conseguir mais postos de traballo directos e indirectos”.

Por outro lado, Criado tamén confirmou a posibilidade de que a sociedade municipal para a xestión de solo industrial podería non levarse a cabo, xa que se Xestur se comprometese a desenrolar chan industrial en Vilalba “nós non a levaremos a cabo, porque sería duplicar esforzos, gastando o dobre para chegar ao mesmo obxectivo”.

Sociedade