Rúa Moncho Reboiras en Dodro

Rúa Moncho Reboiras en Dodro
12 de Agosto, 2022 - 01:26 h. | Publicada por Radio Negreira

O responsable de Patrimonio e contratación da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, asistiu esta mañá en Dodro á inauguración da rúa Moncho Reboiras, acto organizado polo Concello  no día en que se cumpren 47 anos do asasinato do sindicalista, político nacionalista e opositor á ditadura franquista. O concello de Dodro aprobou a iniciativa no pleno celebrado no mes de xuño para “recoñecer e lembrar un veciño perseguido e asasinado polo franquismo polas súas ideas políticas”.

Na homenaxe celebrada hoxe colocáronse tres placas, unha delas na vivenda onde foi velado o corpo de Moncho Reboiras en agosto de 1975. Durante a lembranza interviron o irmán do homenaxeado, Manolo Reboiras; o alcalde da localidade, Xavier Castro, e o promotor da iniciativa e tenente de alcalde, Xoán Bautista Mariño. Penas salientou “o exercicio de democracia, de lembranza e de recuperación que dá continuidade ao recoñecemento, polo Consello de Ministros  en 2009, de Moncho Reboiras como vítima do franquismo”. “Mais a de hoxe”, engadiu, “tamén é unha homenaxe a todas aquelas persoas e colectivos que durante anos lembran cada 12 de agosto a figura deste destacado dirixente político en actos como os que se celebran en Imo e Ferrol”.
 

Cultura

Publica o teu comentario agora