A radio ou a vida

A radio ou a vida

05 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A radio é como o orballo. Caseque non se nota a súa presencia, o seu efecto semella inapreciable e con frecuencia menospreciase a súa aportación á construcción colectiva. Pero sen decatarnos ao pouco, rematamos enchoupados nese fluxo de suxerencias e insinuacións que saen do transistor. A exposición Galicia pola radio, recolle a historia de 75 anos de radio, e a través dela da propia evolución da comunidade. Na mostra incluese a aportaci&

A sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago acolleu onte á  tarde a inauguración da exposición Galicia pola Radio. A historia falada, unha mostra que se enmarca dentro do proxecto Galicia pola radio. Desde os anos trinta á actualidade patrocinado pola Fundación Caixa Galicia, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega.

 

Numerosas personalidades do mundo da comunicación, a política e a vida social e cultural de Galicia achegaronse ata Compostela para asistir á inauguración desta mostra que se encadra na celebración dos 75 anos de radio en Galicia. Entre eles estiveron directores e responsables de cadeas e emisoras radiofónicas de toda a Comunidade Galega así como profesionais ligados á televisión e á prensa escrita.

 

Entre os presentes estiveron Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo, ambos os dous testemuñas da creación da radio en Galicia e, no caso de Pousa Antelo, como recordou o comisario da exposición, Manuel Rodríguez, “aínda traballador do medio, aos seus 94 ou 95 anos”. O profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago asegurou que esta é “a exposición dos que están pero é, sobre todo, a exposición dos que non están” e reivindicou o “xigantesco patrimonio sonoro que nos legou o século vinte en Galicia” para o que pediu que “se coide e se garde antes de que se perda”.

 

Neste sentido o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asegurou que a súa institución, que colabora nesta exposición con destacados fondos, tenta recuperar todo ese patrimonio sonoro de Galicia, “algo non sempre doado”. Villares destacou que a “radio é un instrumento importante para entender a historia, pero tamén a vida”, de aí a importancia de coidalo.

 

Na inauguración estiveron tamén o secretario xeral de Comunicación en funcións, Fernando Salgado, e o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias. Os dous insistiron na importancia do patrimonio sonoro galego que esta iniciativa trata de recompilar e difundir. García Iglesias asegurou que a Fundación Caixa Galicia vai a coidar especialmente esta exposición, á que considerou como un “instrumento educativo de primeira orde”.  E para que quede constancia de todo o traballo de recompilación, o comisario da mostra, Manuel Rodríguez, anunciou a próxima edición dun libro sobre a historia da radio en Galicia.

 

Exposición

A mostra serve de viaxe sonora e visual pola historia falada da nosa comunidade grazas a numeroso material relacionado co medio, como fragmentos radiofónicos extraidos de fondos públicos e particulares, guións, micrófonos, aparellos históricos de radio, xornais, material gráfico e recreacións de ambientes sumamente atractivos para viaxar no tempo polo medio que marcou a xeracións enteiras.

 

Estruturada en tres andares, no baixo amósase diverso material divulgativo, o segundo dedícase a contidos máis interactivos, como un estudio de gravación, a exposición de radios antigas, unha sección con material proporcionado polo Consello da Cultura Galega e dous puntos de escoita nos que o visitante pode acceder a medio centenar de arquivos sonoros da radio en Galicia.

 

Pero destaca especialmente o primeiro andar, estruturado cronolóxicamente dende as orixes da radio ata a actualidade. A primeira referencia nos leva ata o ano 1932 baixo o lema “Así empezou todo” e continúa coa etapa 1932-1939 “Unha flor amañeceu en Galicia”, cando sintonizar unha emisora era unha proeza, todo era novo e sorprendente e a radio se anunciaba como defensora da identidade como cultura, servizo público e modernidade.

 

A seguinte época, 1940-1957 denomínase “Radio censura”, en clara referencia á dura posguerra, cando a radio se converte nun escape cara un mundo de soños e, moitas veces, un mundo prohibido, solitario e nocturno, para os que buscan. A etapa 1958-1977 “Cando os galegos entraron na radio” recolle un inicio de cambio. Comezan a obviarse as últimas prohibicións e os nenos e nenas de Galicia descobren e senten a radio como algo máxico, dun indefinido misterio oculto na súa intensa e abraiante luz interior.

 

A etapa 1978-1999 “Noticias de Galicia” reconstrúe a historia da radio da democracia e a autonomía galegas que conta, xa en liberdade, o que pasa en Galicia; a radio da realidade, da información, da sociedade que emerxe á superficie, que busca realidades. E finalmente a sección que vai dende o ano 2000 ata a actualidade bota unha mirada á radio de agora e a nova radio para Galicia: dixital, internet...

 

Esta mostra, ademais de homenaxear a un medio esencial de comunicación, serve para reavivar a memoria persoal e sentimental dos galegos, amosándolles aos máis novos a relevancia histórica e a singularidade da radio como medio de comunicación en Galicia.

 

A exposición poderá verse ata o día 19 de abril todos os días da semana, de luns a domingo, de 12:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 21:00 h. na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago, situada na rúa do Vilar, número 19.

Sociedade