A RAGC recoñece a Comerma e o dique da campá

A RAGC recoñece a Comerma e o dique da campá
07 de Outubro, 2020 - 10:52 h. | Publicada por Radio Fene

Andrés Avelino Comerma será o protagonista do Día da Ciencia deste ano, nomeado pola Real Academia Galega das Ciencias. O acto homenaxe terá lugar mañá 8 de outubro.

ESCOITA O PODCAST:
Guillermo Llorca co libro sobre Avelino Comerma

Comerma, que foi elixido de xeito unánime pola academia, destaca polo seu carácter polifacético e visionario. Na zona de Ferrolterra é coñecido, sobre todo, por ser o artífice do dique da campá. Guillermo Llorca vén de escribir un caderno no que percorre un roteiro por lugares emblemáticos da vida de Comerma en Ferrol. Nel, fai referencia á construción deste dique no Arsenal, motivo polo cal, di Llorca, lle concederon o premio este ano.

A construción iniciouse en 1873 e finalizan en 1879, cun custo final duns 5 millóns de pesetas. O dique componse de uas partes, o dique en si mesmo e o antedique. As súas grandes medidas fan que sexa unha das obras máis importantes da enxeñaría hidráulica en Galiza no século XIX. Na construción participaron unhas 1200 persoas, entre elas unhas duascentas mulleres e cento cincuenta menores, conta Llorca.

A inauguración contou con numerosas autoridades da zona, españolas e estranxeiras. A Fragata Victoria foia primeira en varar no dique e durante catro días, unhas quince mil persoas asistiron a contemplala. Pouco despois da inauguración do dique e debido ao éxito do mesmo, Comerma é ascendido a coronel e nomeado xefe do estaleiro. En 1923 o dique da campá xa vai quedando pequeno polo que se manda construir un de maiores dimensións. Aínda así, hoxe, despois de 140 anos, segue prestando servizo e convertiuse nun dos elementos de enxeñaría máis emblemáticos do patrimonio industrial da cidade de Ferrol.

Cultura

Publica o teu comentario agora