Rajoy recortará en 69 euros ao mes a nómina dos empregados públicos

Rajoy recortará en 69 euros ao mes a nómina dos empregados públicos

21 de Maio, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

O Goberno aplicará nos anos 2014 e 2015 unha redución media de 69 euros mensuais do salario dos empregados da administración local. A cifra sae do reparto do aforro cifrado polo Ministerio de Facenda en 870 millóns de euros, entre os máis de 500.000 funcionarios e traballadores dos Concellos. O axuste recaerá sobre os complementos específicos, cantidade que perciben os empregados públicios en función do destino, horario e outros criterios.

O Goberno ten intención de profundar nas medidas de redución de masa salarial na Administración, e así llo fixo saber a Bruxelas a través do Plan Nacional de Reformas. Fontes do Ministerio de Facenda aseguraron que o obxectivo é conseguir un aforro de 870 millóns nas nóminas dos empregados dos Concellos españois durante o 2014 e o 2015. Poñerá límites ao complemento específico (o que se cobra polas características especiais dun posto de traballo e que é variable, xunto aos pluses de produtividade), con topes en función do grupo profesional ao que cada empregado pertence e que virán definidos cada ano na Lei de Orzamentos. ?Estableceranse pinzas salariais para homoxeneizar as retribucións e evitar a disparidade actual?, sinala Facenda.

O ministerio que dirixe Cristóbal Montoro engadiu esta medida ao aforro xa previsto doutros 7.129 millóns que espera lograr coa reforma da Administración local, que hoxe será debatida cos alcaldes na Comisión Nacional de Administración Local e que, en esencia, mantén os puntos máis polémicos do texto aprobado en febreiro polo Goberno.

A nova rebaixa das retribucións comezouse a esbozar e non hai cifras concretas da cantos Concellos afectará, xa que hai disparidade entre uns e outros á hora de establecer os complementos. O que non baralla o Executivo é modificar a parte fixa das nóminas dos funcionarios (a antigüidade e o complemento de destino).

Para conseguir este aforro sen ningunha outra medida adicional, a limitación salarial ten que afectar a decenas de miles de funcionarios. Os 8.116 Concellos españois tiñan contratadas en febreiro deste ano a 526.248 persoas.

Sociedade