Raquel Arias compón o seu equipo de goberno

Raquel Arias compón o seu equipo de goberno

05 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Delegación Provincial de Lugo fixo públicos os novos cargos que secundarán a xestión de Raquel Arias como superdelegada. Así, Marco Antonio Fernández Piñeiro ocupará o posto de secretario territorial da Xunta; Fernando Varela será o asesor de gabinete da Delegación do Goberno Autonómico, mentres que Ernesto Rivera será o encargado de asesorar en materia de comunicación ao organismo provincial. Por outro lado

Marco Antonio Fernández Piñeiro (Lugo, 1969) será o responsable da Secretaría Territorial. Fernández Piñeiro é licenciado en Dereito e funcionario do corpo superior da Administración da Xunta desde o ano 1998. No tempo que estivo adscrito á administración autonómica desempeñou postos de responsabilidade en distintas consellerías. O novo secretario territorial conta con experiencia, xa que ven de actuar, en distintas etapas, como xefe do servizo de Turismo da delegación provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, xefe da sección xurídica da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandaría e Política Agroalimentaria, ademais de ser xefe de sección do Réxime Interior.

 

Fernando Varela Fernández (Monforte, 1973) é enxeñeiro industrial coa especialidade en Construción de Maquinaria e posúe un máster en Administración e Dirección de Pemes pola Universidade de Vigo. Varela chega ao posto tras desenrolar unha ampla labor formadora no ámbito da prevención de riscos e na elaboración de proxectos relacionados con enerxías alternativas.

Ernesto Riveira Baño (O Vicedo, 1975) é diplomado en Maxisterio e ten un máster en Comunicación e Márketing pola Universidad Ca' Foscari de Venecia, ademais de contar con estudos en Humanidades. Este cargo de asesor de Comunicación chégalle a Riveira Baño tras unha traxectoria de doce anos no ámbito da información, sobre todo na prensa escrita. Tras iniciarse na Voz de Galicia na súa delegación lucense, colaborou con Onda Cero e a Cadea Cope en Lugo antes de traballar na redacción central de El Progreso.

Por outro lado, propúxose a José Manuel Vázquez Leirado para o cargo de xefe territorial da Consellería de Economía e Industria. Vázquez Leirado (Láncara, 1970), é enxeñeiro Industrial coa especialidade en Electricidade e Electrotecnia e posúe estudios de Ciencias Políticas. Funcionario da escala de enxeñeiros industriais da Xunta desde maio de 2003, ocupou, ata o ano 2006, o cargo de xefe do servizo de Enerxía e Minas na Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Sociedade