Raquel Graña e Daniela Peñaranda gañan o concurso de carteis contra a violencia de xénero

Raquel Graña e Daniela Peñaranda gañan o concurso de carteis contra a violencia de xénero

12 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

As deseñadoras gráficas Raquel Graña Liste e Daniela Alejandra Peñaranda Díaz, coa obra titulada “Neno ou nena? Persoa”, foron elixidas hoxe gañadoras da II edición do concurso de carteis e eslogans contra a violencia de xénero, convocado pola Deputación da Coruña.

A obra foi seleccionada polo xurado, integrado nesta edición por Silvia Seixas, Felipe Senén, Sagrario Liaño, Juan Agapito Tato e Fernanda Soutullo, entre os 83 orixinais presentados ao certame,e o fallo foi feito público esta mañá polo deputado provincial responsable da área de Igualdade de Xénero, Xoán Manuel Sande.

O premio está dotado económicamente con 5.000 euros e o cartel gañador utilizarase nas campañas de sensibilización social contra a violencia de xénero que desenvolva a institución provincial. Así mesmo, cos orixinais presentados poderá formarse unha exposición de carácter itinerante por diversos concellos da provincia.Segundo as deseñadoras do cartel gañador, a obra pretende “chamar a atención de homes e mulleres sobre certos conceptos moi arraigados na sociedade”, ao mesmo tempo que trata de mostrar coa fotografía o concepto de persoa, sen aludir ao xénero.

A fotografía do cartel mostra unha muller embarazada coas súas mans e as dun home unidas sobre a barriga. unha imaxe que implica a homes e mulleres na educación na igualdade como primeiro instrumento para traballar contra a violencia de xénero”, afirmou a técnico de Servizos Sociais da Deputación e membro do xurado Fernanda Soutullo, que considerou o cartel como “unha mensaxe de futuro.

”Xornada sobre a violencia de xénero en Mariñán"

 

Xoán Manuel Sande e Fernanda Soutullo presentaron tamén unha xornada sobre violencia de xénero, destinada a técnicos municipais de servizos sociais, responsables das concellerías de Igualdade, persoal dos centros de orientación á muller, etc., que se celebrará o vindeiro 20 de novembro o Pazo de Mariñán.Segundo explicou o deputado provincial, durante a xornada analizaranse, entre outros temas, o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación, os recursos pedagóxicos para previr os malos tratos, e os protocolos a seguir ante os casos de violencia de xénero.

Sociedade