A rebelión na granxa de Teatro do Morcego

A rebelión na granxa de Teatro do Morcego

04 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Capela do Centro Torrente Ballester acollerá esta fin de semana novas sesións de teatro dirixidas ao público infantil no marco do programa Escena Familiar. Unha  iniciativa para inculcar a cultura aos rapaces desde idades temperás de cara a que no futuro sexan consumidores dela. Ademais, a intención desta programación é que os nenos e nenas leven aos seus pais e nais ao teatro e que estes se impliquen nas actividades.

As funcións correspondentes ao mes de maio correrán a cargo de Teatro do Morcego, que presentará o musical “Saltimbanquis”, dirixido a maiores de oito anos. A peza ten como protagonista a un burro que, canso da explotación e dos malos tratos do patrón, decide abandonar a facenda onde traballaba na procura de mellores condicións de vida. No camiño á cidade, atopa un can e unha galiña que foxen polo mesmo motivo, xunto cunha gata, á que botaron da casa porque pasara a noite cantando. Unidos contra a tiranía dos donos deciden formar un conxunto musical e parten cara á cidade dos soños, compoñendo belas cancións. A función será interpretada por Mundo Villalustre, Iolanda Muíño, Maxo Barjas, Mighello Blanco e Serginho, alumnos/as da Escola de Teatro de Narón  

As representacións desenvolveranse este sábado ás 18:00 horas e o domingo ás 12:00.

Cultura