Recendo caribeño en Xantar 2014

Recendo caribeño en Xantar 2014

05 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Semella imposible pensar no Caribe con este temporal que está sobre Galicia, pero en Expourense lograron concentrar algo do calor, do color e, sobre todo, do sabor de Cuba con motivo da edición número 15 de Xantar, o Salón Internacional da Gastronomía e o Turismo que se celebra entre estes días 5 e 9 de febreiro no recinto feiral da cidade das Burgas. A illa cubana é o país convidado para este novo sal

A novidade desta edición do salón é a participación de Cuba como país convidado que estará presente en todas as accións previstas en Xantar, promovendo a súa gastronomía, turismo e artesanía. Contará cun restaurante liderado pola Sociedade Cultural Rosalía de Castro, que é un dos Centros Galegos da Habana. O menú que presenta a illa recolle algúns dos seus pratos máis emblemáticos como o ajiaco crioulo ou o arroz con feixóns negros que serán maridados con viños da D.O. Ribeiro.

A promoción da calidade da gastronomía ibérica a través de elaborados menús será outro dos obxectivos principais desta edición. Dos 18 restaurantes presentes, 12 pertencen á nosa comunidade e entre todos eles potenciarán a Dieta Atlántica, con espazo para promover tamén as festas gastronómicas como é o caso do "Galo deCurral" de Vila de Cruces que participa por primeira vez no salón cun restaurante.

O programa de actividades de Xantar 2014 incluirá tanto conferencias de expertos coma exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións incluídas no chamado "Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde" que afronta xa a súa 9ª edición. En total, máis de 120 actividades orientadas a profesionais e tamén afeccionados e que por primeira vez serán de carácter gratuíto (con acceso mediante a entrada de feira).

Xantar 2014 puxo en marcha diversos modelos para aos visitantes procedentes da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo que poden achegarse a Ourense na liña de Alta Velocidade, AVANT, e nun mesmo paquete ter entrada ao salón e visita turística. Convén recordar ademais que todos os visitantes que acudan ao salón en tren dende calquera parte de España obterán un 30% de desconto que pode obterse en www.xantar.org.

Co obxectivo de estimular a participación de parellas, e dada a proximidade do Día de San Valentín, a organización de Xantar puxo en marcha un sorteo especial dunha viaxe de 6 días / 5 noites a Madeira para dúas persoas con voos e estanza en hotel de 4 * en réxime de aloxamento e almorzo.

Sociedade