Reclaman explicacións pola morte dun paciente

Reclaman explicacións pola morte dun paciente

07 de Agosto, 2018 - 12:00 h. | Publicada por

Un só médico para máis de vinte mil persoas. Esa é a situación na que se produciu a morte de José Manuel Brey Brea, na tarde do sábado 4 de agosto no Punto de Atención Continuada da Estrada. Non había médico, nen enfermeira nen ambulancia. O home, de 64 anos, empezou a vomitar no centro de saúde e morreu sen ningún tipo de axuda. A médico de garda saira fora para atender unha urxencia a domicilio.

A plataforma PACs en pé de guerra salienta que a ausencia de cobertura dos reforzos do permosal médico nos PAC provoca unha situación de sobrecarga asistencial nesas gardas. No punto estradense houbo só un médico entre as 15 e as 22 horas.

A morte dunha persoa no PAC da Estrada non foi a única incidencia acontecida nos centros hospitalarios esta fin de semana. Nuns días cun alto número de incidencias  provocadas pola vaga de calor, as urxencias víronse, nalgún momento colapsadas.

Así aconteceu no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde a media de atención aos pacientes superou as cinco horas e mesmo chegou ás sete e oito horas, segundo denunciaron pacientes na web Xornal de Vigo.

De feito, na madrugada do sábado ao domingo houbo “colapso”. “Houbo un caso dramático dunha muller á que lle deu un ataque de nervios porque o seu home retorcíase de dor na camilla despois de horas sen atendelo”, apuntaron.

Esta situación débese á falla de persoal debido ás quendas de vacacións de verán e que o Sergas evita contratar xente para substituir ao persoal que falta.

En Marea, o PSOE e o BNG demandaron no Parlamento de Galicia a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para dar explicacións do sucedido na Estrada.

Sociedade