Recuperación do trazado secular do Camiño de Santiago

Recuperación do trazado secular do Camiño de Santiago

17 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Recuperar e sinalizar un treito da calzada histórica do Camiño de Santiago no Concello de Toques (A Coruña). Con esta finalidade, voluntarios de ADEGA e as asociacións constituíntes do Foro do Camiño Primitivo promoven este sábado, día 20 de novembro, unha actividade de campo para restablecer a traza secular do Camiño de Santiago fronte á “inoperante” actuación oficial do Xacobeo co desvío falsificado d

“Xa é hora de definir e recuperar o trazado secular do Camiño de Santiago desvirtuado por roteiros pseudohistóricos, viais alternativos e camiños provisorios para os caminantes establecidos desde hai 20 anos”, declarou en Radiofusión, o voceiro do Foro do Camiño de Santiago, Ricardo Polín. Este sábado darán un exemplo pragmático de recuperación dun referente do destino dos peregrinos de todo o mundo, sinalou o experto. Actuarase en 300 metros de calzada completamente abandonada, agochada baixo toxos e invadida polas arelas dos propietarios das leiras colindantes. Os traballos consistirán na roza da matogueira, na limpeza da calzada e as súas marxes, na poda de árbores, na recuperación dos muros laterais e dos pasos apropiados e, sobre todo, na sinalización do trazado. “Levarase a cabo cunha simple brocha para server de exemplo a todos os amantes da nosa cultura”, explicou Polín.

Segundo o profesor da Universidade de Lugo, “trátase da vía máis antiga do camiño xacobeo, un treito empedrado co pavimento empregado polos romanos. Cómpre a súa inmediata recuperación polo que representa na nosa historia”. No lugar atópase a Pena Ferrada, unha rocha coa pegada dun cabalo que simbólicamente se atribúe ao paso do cabalo Branco de Santiago.  Ademais conta coa ponte medieval de Xancabo e varias masas de bosques autóctonos. Debe ser o rigor histórico quen determine legalmente a delimitación oficial das rotas con recoñecemento documental, concretándose tecnicamente a realidade xeográfica e autenticidade de cada tramo, argumentou o voceiro do foro. Con esta actuación, os colectivos participantes poñen de manifesto que non permitirán novas adulteracións do itinerario físico nos camiños históricos, nin a creación de vías alternativas sen o necesario aval científico. 

Xa pola tarde, ADEGA e o Foro do Camiño Primitivo visitarán a Aula da Natureza de Souto e realizarán un roteiro “Marco do Careón”, situado no límite da Dorsal galega entre Toques e Palas de Rei. A xornada rematará cun magosto na Eira da Xoana, centro de recuperación da cultura popular de ADEGA, situado na parroquia de Ramil (Concello de Agolada), no que ademais das castañas, se poderán degustar empadas e queixos da zona e se gozará de música tradicional.

Cultura