Reducost, un programa para mellorar a rendabilidade dos negocios de Fene

Reducost, un programa para mellorar a rendabilidade dos negocios de Fene

10 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Reducir custos en pequenas empresas, mellorar o control da xestión ou incrementar a rentabilidade dun negocio. Son algúns dos obxectivos que se persiguen coa implantación no concello de Fene do programa Reducost. A inicativa parte da Concellería de Promoción Económica e da Asociación de Comercio e Hostalería “O Cruceiro” de Fene, en colaboración con Foro Legal Abogados.

Reducost plantéxase coma un servizo global para autónomos e responsables de pequenos comercios ou establecementos de hostalería. Con este proxecto, dirixido en principio aos empresarios asociados a “O Cruceiro”, ofreceranse pautas individualizadas para mellorar a rendabilidade dos negocios. Explicouno en Radiofusión o concelleiro de Promoción Económica de Fene, Manuel Polo.

O vindeiro xoves se celebrará na Casa do Concello de Fene, ás oito e media do serán, unha charla informativa, sobre o programa Reducost, unha iniciativa da que tamén se beneficiará a Asociación de Comercio e Hostalería “O Cruceiro” de Fene con propostas conxuntas para reducir gastos en telefonía, mensaxería ou publicidade.

Dende o seu nacemento, con vinte establecementos adheridos, a Asociación O Cruceiro de Fene medrou “vertixinosamente”, ate os cento vinte que son na actualidade. A presidenta da entidade, Mónica Cociña, asegura que tivo moito que ver o éxito da campaña de promoción do comercio local no Nadal.

Na actualidade a Asociación “O Cruceiro” ten en marcha unha campaña especial con motivo da próxima celebración do Día de San Valentín. A iniciativa consiste no sorteo de catro ceas románticas entre as persoas que realicen compras ou consumicións superiores a dez euros nos establecementos asociados. Tamén anuncian, dende a Concellería de Promoción Económica, o Segundo Concurso de Tapas que se celebrará, probablemente, entre finais do mes de marzo e principios de abril.

Sociedade