Reforma da pista de Magalofes

O estado de deterioro facía necesaria a intervención na pista polideportiva de Magalofes, con preto de 40 anos de antigüidade.
06 de Maio, 2019 - 10:10 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello formaliza o contrato de obra para a reforma da pista polideportiva de Magalofes e mellora de catro parques infantís. A actuación, cun orzamento de 38.193,64 euros, forma parte do PAS 2015.

O Concello de Fene asinou o contrato de obra para o acondicionamento e mellora da pista polideportiva de Magalofes e a adecuación de catro áreas de xogo infantil (Plaza do Ameneiral en Perlío; plaza 10 de Marzo en San Valentín, Rosalía de Castro en Perlío, e parque da Hortiña en Limodre). No seu conxunto, suman un orzamento de 38.193,64 euros. A pesares de que a intervención se inclúe no Plan de Acción Social (PAS) de 2015, non foi ata hai un ano cando se iniciou o proceso de contratación.

O estado de abandono e deterioro facía necesaria a intervención na pista polideportiva de Magalofes, con preto de 40 anos de antigüidade. O inmoble que alberga os vestiarios conta con numerosos desperfectos, tanto nas carpinterías da fachada principal como nas fiestras, con cristais rotos e, no interior, prodúcense entradas de auga. Ademais, a día de hoxe atopábase sen alumbrado a consecuencia de sucesivos roubos do cableado eléctrico e máis o da acometida xeral da parcela.

Por todo isto, a actuación contempla en primeiro lugar a reposición do cableado e instalacións para restablecer o suministro eléctrico. Tamén a renovación da carpintería da fachada principal do inmoble (tanto portas como fiestras, en aluminio e con vidro de seguridade) e a instalación de reixas de aceiro para a súa protección exterior. No interior, tratarase a superficie e aplicarase pintura plástica anti moho, reporanse algúns elementos en mal estado (grifos, alcachofas...) e renovaranse todas as luminarias por LEDs. Dotarase a pista dun xogo de postes de tenis en aluminio.

En relación ás zonas de xogo infantil, realizaranse diferentes actuacións de mellora e reparacións puntuais segundo o caso, dende renovacións parciais do chan ata a subtitución de elementos de xogo ou colocación de novos elementos.

Institucional

Publica o teu comentario agora