Reis Magos para todos e todas

As axudas de Reis pretenden que ningún neno ou nena de Fene quede sen agasallo ese dia.
13 de Novembro, 2019 - 01:12 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene convoca as subvencións ás familias para a adquisición dos agasallos de Reis. Establece 50 axudas por importe de 70 euros para cada beneficiari@. A solicitude debe presentarse a partir de hoxe e ata o 22 de novembro, inclusive.

O Concello de Fene vén de convocar as subvencións dirixidas ás familias para a adquisición de agasallos da festividade de Reis. Destina a esta iniciativa 3.500 euros, divididos en 50 subvencións para outros tantos nenos e nenas por importe de 70 euros para cada beneficiari@. A publicación no día de onte do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia establece a apertura do prazo de presentación de solicitudes no día de hoxe, e por un prazo de 10 días naturais.

Van dirixidas ás familias con nenos e nenas nados/as a partir do 1 de xaneiro de 2005, ou maiores desta idade e nados/as a partir do 1 de xaneiro de 2001 sempre que teñan o recoñecemento oficial de minusvalía ou grao de discapacidade. Coas subvencións cubriranse os gastos derivados da adquisición de agasallos para a festividade de Reis, como xoguetes, xogos, libros, material didáctico e outros obsequios (mochilas, mochilas deportivas, etc.) que correspondan coa idade do/a menor a quen vai dirixida a axuda, sempre que estes sexan adquiridos no período comprendido entre o día de apertura da presente convocatoria e o día 6 de xaneiro de 2020.

Con carácter xeral poderase xustificar a subvención con gasto relativo á adquisición de roupa, calzado ou material deportivo (roupa deportiva, calzado deportivo, botas, etc.) sempre que o importe total do gasto realizado non supere o 75% da axuda concedida e con outras limitacións supeditadas á concesión doutras liñas de axudas.

(Na imaxe, visita escolar a Radio Fene. Verán 2019)

Institucional

Publica o teu comentario agora