A relación entre comunicación e deporte será analizada en Guitiriz entre o 17 e o 19 de xullo

A relación entre comunicación e deporte será analizada en Guitiriz entre o 17 e o 19 de xullo

23 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Guitiriz acollerá o Seminario Comunicación e Deporte, que forma parte dos cursos de verán 2009 da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no fin de semana do 17 ao 19 de xullo. O curso, coorganizado pola Fundación Azkar Lugo e a Deputación Provincial, pretende servir como espazo para a reflexión, o análise e o intercambio de experiencias entre profesionais, alumnos universitarios e persoas interesadas no mundo da comunicación e o deporte

Eugenio Rodríguez, responsable da USC, expresou o seu desexo de que este seminario se convirta “nun espazo de reflexión e debate sobre o mundo do deporte en xeral, sen obviar a parte relativa á práctica, que moitas veces queda esquecido pola dimensión do deporte como espectáculo”. Rodríguez  amosouse seguro de que esta formación “deixará satisfeitos” aos participantes no mesmo, debido á “importancia dos relatores” que se darán cita nesta localidade lucense.

 

 

Pola súa banda, a primeira tenente de alcalde do concello chairego, Sandra Freire, amosouse moi “contenta” de “ter un curso deste tipo, por primeira vez, na vila”, e considerou que será bo para que a xente “poida coñecer un pouco mais Guitiriz e o seu entorno”.

 

En canto ao “cartel” de conferenciantes, serán 17 os representantes dos medios de comunicación que acudirán a Guitiriz. Entre os confirmados están Mari Carmen Izquierdo, presidenta da Asociación de Periodistas Deportivos de España; Rafael Recio, vicepresidente 1º da mesma institución; Juan Yeregui, director de RNE en Navarra e conductor do programa “Radiogaceta de los Deportes”; Sonia Díaz, Directora de Telelugo; Arcadio Silvosa, da Cadena SER Lugo; Arturo Cerviño, da Cadena COPE; Lois Caeiro, de El Progreso; ou Raúl Villares, director de “Galicia en goles” da Radio Galega, entre outros.

 

En canto á temática que se tratará no seminario, Alberto Fernández, representante da Fundación Azkar Lugo, informou de que será “bastante ampla”, para tentar chegar a comprender “un bo número dos parámetros que rixen o deporte”. Así, haberá espazo para a analizar a historia do periodismo deportivo; a programación deportiva en radio e televisión; o deporte nos medios de comunicación locais e o seu tratamento; a influenza recíproca dos grandes eventos deportivos e os medios de comunicación; o deporte e as axencias de novas; o uso do galego na comunicación do deporte; a linguaxe periodística deportiva; o sensacionalismo ou a labor dos xefes de prensa e responsables de comunicación dos clubs deportivos.

 

Os destinatarios serán todas aquelas persoas interesadas no deporte, e en especial para responsables en xestión deportiva, xerentes e xestores deportivos de concellos, patronatos ou federacións deportivas, responsables de comunicación de clubs ou federacións deportivas  ou licenciados e estudantes de ciencias da comunicación.

 

O prazo está xa aberto e rematará o próximo 3 de xullo. O custe da matrícula é de 40  euros para estudantes e persoal da USC, e de 70 para o resto. Para inscribirse pódese acudir ao local do vicerectorado da  Universidade compostelana en Lugo, situado a Praza Pío XII da capital provincial ou ben a través da páxina web da USC.

Sociedade