As relacións en pandemia

As relacións en pandemia
13 de Xaneiro, 2021 - 10:35 h. | Publicada por Radio Fene

Os cambios de hábitos nas relacións sociais que trouxo a pandemia non teñen por que ser negativos, afirma José Barcia.

ESCOITA O PODCAST:

A pandemia trouxo consigo o cambio de hábitos nas nosas relacións sociais, tamén naquelas que teñen que ver co erotismo e a sexualidade. Os peches perimetrais, confinamentos e toques de queda afectaron decididamente os nosos contactos. O peche de bares, locais nocturnos, festivais, verbenas, etc, mermou ou mudou ese tipo de relacións. Un estudo recente da empresa Control di que a pandemia provocou que tres de cada catro persoas teña medo a manter relacións novas e sete de cada dez sexan máis precavidas neste eido. O psicólogo José Barcia apunta que, igual que as restricións de mobilidade afectaron a todas as nosas actividades cotiás e profesionais, tamén afectaron ás nosas relacións sociais, tanto familiares como de coñecemento de novas persoas. “Pero iso non ten porque ser negativo. Obríganos a ser mais creativos e a centrarnos no que si podemos facer”. Explica que normalmente somos “cabezóns” e nos empeñamos en lamentar o que non se pode facer, e recoméndanos aproveitar o horario e o escenario que temos para as relacións. Ponnos o exemplo das videoconferencias, que antes apenas utilizábamos pero que o confinamento nos empuxou a realizar para manter os contactos.

Segundo Barcia, a nova situación non nos impide establecer vínculos. Que se suspenderan os festivais, o ocio nocturno, etc, non ten por que pasarnos factura. Perderemos habilidades comunicativas pero unha persoa tipo ten mais alternativas para comunicarse, aínda que hai que velar por como afecte ao noso estado de ánimo. Conclúe Barcia que a situación actual pode cambiar a nosa forma estable de relacionarnos pero seguro que hai aspectos que aprender e incorporar, non todo é negativo. “Concienciarnos que que somos vulnerables, de que as cousas poden cambiar en calquera momento, axúdanos a valorar o que temos”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora