Renfe falaba co maquinista no momento do accidente

Renfe falaba co maquinista no momento do accidente

31 de Xullo, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Renfe chamou ao maquinista do tren Alvia minutos antes do accidente ferroviario do mércores 24 en Santiago de Compostela. Segundo se desprende da caixa negra aberta hoxe polo xuiz, a compañía de trens chamou ao condutor 2 minutos antes do descarrilamento para darlle orientacións sobre o seu destino despois da chegada a Ferrol. No momento do sinistro o tren circulaba a 153 quilómetros/hora. Antes o maquinista freara para reducir unha velocidade que alcanzaba os 192 qm/h.

"A nova liña incorporará os máis avanzados sistemas de señalización e seguridade ferroviaria". Esa foi en 2011 a promesa de Adif para a liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago. Porén, o sistema de seguridade empregado no tramo do accidente non é o avanzado sistema europeo ERMTS, nin a súa versión máis novidosa, o ERTMS2, senón o Asfa, un sistema antigo que non pode frear automaticamente o tren se circula a menos de 200 km/h, o que explicaría por que se produciu o accidente de confirmarse a hipótese de que o tren circulaba a uns 190 km/h na curva de A Grandeira.

O propio presidente de Adif, Gonzalo Ferre, recoñeceu nunha tensa entrevista en 13TV que o accidente do tren Alvia que descarrilou o pasado mércores en Santiago de Compostela puido evitarse co sistema de seguridade automático ERTMS (European Rail Traffic Management System) que levan incorporados os trens de alta velocidade. "Se ese tramo tivese o ERTMS e a máquina tivese o sistema a bordo, ese exceso de velocidade teríao freado automáticamente", recoñeceu, segundo sinala o xornal dixital Galicia Confidencial.

Sociedade