A restauración do Castelo de San Felipe en marcha

A restauración do Castelo de San Felipe en marcha

07 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A pé de fortaleza, o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, anunciou esta mañá o arranque das obras de consolidación e restauración da Casa do Gobernador, punto de partida na recuperación integral e posta en valor do Castelo de San Felipe. Unhas obras que se inician coa firma da acta de replanteo, que esta mesma mañá asinaban no castelo Iago Seara, prestixioso arquitecto e director de obra da intervención, e José Luis Poveda, Xefe de

Xunto a eles, o alcalde da cidade; a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, e a arquitecta do Instituto do Patrimonio Cultural de España, organismo dependente do Ministerio de Cultura, Sonia Martínez Merino. A actuación, orzamentada en preto de 600.000 euros, supón o maior investimento público realizado en toda a historia do Castelo de San Felipe, e conta cun prazo de execución de dez meses.

Nesta liña, Vicente Irisarri explicaba esta mañá que dende a súa chegada á Alcaldía, en 2007, a recuperación e posta en valor do Castelo de San Felipe foi unha prioridade, así como que os seus esforzos se centraron inicialmente en evitar a degradación progresiva que ameaza á fortaleza. Lembrou que dende o ano 2000, cando o Concello adquire o castelo ao Ministerio de Defensa por preto de 165 millóns das antigas pesetas, moito se ten falado da recuperación de San Felipe, aínda que nada se fixo nesta dirección. E, a diferencia doutros gobernos locais, Vicente Irisarri asegurou hoxe que o actual arranca agora cunha actuación de gran calado. Neste senso, apuntou que a única intervención realizada dende o ano 2000 foi a que levou a cabo o goberno popular de Juan Juncal: unha actuación menor de iluminación orzamentada en 45.000 euros e que, no seu día, incluso fora paralizada por Patrimonio.

En contrapartida, neste mandato o goberno de Irisarri se planteou unha secuencia lóxica de actuacións que principiou co estudo da pedra da fortificación a fin de debuxar a situación de partida. Un estudo que se encargou e levou a cabo en 2009 a consultora especializada Tomos por valor de 18.000 euros e que marcou as prioridades de actuación. Paralelamente, o goberno municipal de Ferrol solicitou a colaboración do Estado para afrontar a primeira gran obra de rehabilitación no castelo, logrando unha resposta afirmativa que se traduciu nunha aportación económica de 800.000 euros. As obras saen a concurso e se adxudican finalmente por 594.390,42 euros, o maior investimento público na historia da fortaleza.

Non é o único fronte aberto polo Concello xa que, tal e como explicou Vicente Irisarri, o goberno local tamén lle encarga a Iago Seara a redacción do estudo de viabilidade da fortaleza coa idea de convertila en hotel-monumento. Un plan director que, segundo indicou o alcalde, está xa rematado, polo que se presentará publicamente á cidadanía nun acto aberto a celebrar a finais de febreiro ou principios de marzo na Fundación Caixa Galicia.

Por último, o alcalde mostrou a súa confianza en que a actuación que hoxe comeza no Castelo de San Felipe, infraestrutura clave na candidatura da cidade a Patrimonio da Humanidade, actuará como catalizador do proceso de recuperación integral dun dos símbolos máis importantes da cidade a nivel arquitectónico e histórico, chamado a convertirse nun dos principais reclamos turísticos de Ferrol e epicentro de actividade.

Cultura