As rodas non son voluminosos

As rodas non son voluminosos
12 de Maio, 2020 - 10:26 h. | Publicada por Radio Fene

Campaña de recollida de voluminosos, obras nas estradas e desbroces son os cometidos da concellería de Obras e Servizos de Fene no empezo da desescalada.

ESCOITA O PODCAST:

Novas obras

A nova situación dentro da alarma sanitaria, a entrada na fase 1, permite que a vida volva a moverse. O concello de Fene puxo en marcha as primeiras actuacións incluídas nos POS pendentes de execución. Empezouse no camiños das Chousas en Barallobre coa limpeza de cunetas, previa ao aglomerado deste vial. A piques están de adxudicarse as obras das torres 3 e 4 en San Valentín. A concelleira de Obras, Mar Piñeiro, destaca a obra que executa a Deputación de A Coruña na estrada de Magalofes, entre o lugar do Basante e a escola. “Vai ser moi útil para a seguridade dos peóns” afirma a edil, quen adianta que en dúas semanas estará lista. (Na imaxe  a estrada de Magalofes en obras).

Voluminosos.

O capítulo da recollida de voluminosos preocupa á concelleira que anuncia o inicio dunha campaña informativa para mellorar a xestión deste tipo de residuos que en Fene se recollen os mércores e xoves, o que quere dicir que debemos depositalos na noite do martes e na noite do mércores. Se non respectamos o calendario, os voluminosos permanecen varios días tirados na estrada. Pero quizais tan importante é saber que son e que non son voluminosos. Entre estes últimos están os restos das podas, restos de formigón e uralitas ou as rodas (esta semana localizáronse nada menos que 86 neumáticos nas rúas de Fene). Ningún destes elementos se catalogan como voluminosos. “Teñen por lei a súa propia xestión” afirma Mar Piñeiro quen engade que a policía local está facendo as investigación pertinentes e xa abriu expediente sancionador a varias persoas.

Desbroces

O departamento de Servizos leva a cabo tamén os desbroces,  moi urxentes unha vez que nos dous últimos meses non se puideron facer. Empezouse na zona urbana. San Valentín vai avanzado e esta semana compaxinaranse coa zona rural. Mar Piñeiro agarda ver unha nova imaxe de Fene no prazo de dúas semanas.

Institucional

Publica o teu comentario agora