Rosalía de Castro e a cidade da Coruña

Rosalía de Castro e a cidade da Coruña
09 de Setembro, 2022 - 07:50 h. | Publicada por Radio Culleredo

Un roteiro, literario, musical e gastronómico, percorrerá lugares emblemáticos da Cidade Vella da Coruña, que se corresponden con algúns dos escenarios de Lobos doentes, a cuarta novela negra de Antonio Tizón que se emitirá en formato podcast en Radio Fene Radiofusión, dende outubro ata xaneiro de 2023, coincidindo coa súa publicación como libro en Xerais. O evento xirará en torno á obra de Tizón e arredor da relación de Rosalía de Castro coa cidade da Coruña. 

Fotografía Xan Xe

O paseo celebrarase o sábado, 1 de outubro, sairá ás 12:00 h da libraría Berbiriana e, tras percorrer lugares como a Academia Galega, a Praza da Fariña, e o Xardín de San Carlos, rematará cun xantar no hotel NH Finisterre, un dos escenarios máis significativos desta obra inspirada en boa parte, tamén no título, no poema “A xusticia pola man”, de Rosalía de Castro. Na camiñada falarase da relación da autora de Cantares gallegos coa cidade da Coruña. De aí a participación no acto de persoas tan relacionadas coa poeta referencial da literatura galega como Anxo Angueira, presidente da Fundación que leva o seu nome, ou Xosé Luís Axeitos, director da revista Follas Novas, académico da Lingua e personaxe dunha obra na que se mestura a realidade coa ficción. Participarán tamén no evento, ademais das libreiras Alejandra de Diego e Cristina Barbeito (Berbiriana), o actor Franki Muíño, o comunicador Cándido Barral, o músico Xurxo Souto, o director de Radio Fene, Henrique Sanfiz, o autor da novela e do guion do podcast, Antonio Tizón, e a súa directora, Eugenia Sanmartín, que realizará varias actuacións musicais. As persoas interesadas poden realizar a inscrición previa nas diversas modalidades existentes no enderezo electrónico sonradiofusion@gmail.com ou chamando aos teléfonos 609828743 / 7221118925 

Ata o luns dia 12 as 12 da mañá o prezo bonificado ascende a 40 euros, incluindo o xantar no Hotel Finisterre e o seguro da actividade.Organiza Son Radiofusión.

 

Fotografía: Xan Xe Corral

Cultura

Publica o teu comentario agora