Rosalía resiste o paso do tempo

Rosalía resiste o paso do tempo
18 de Febreiro, 2021 - 10:35 h. | Publicada por Radio Fene

O 24 de febreiro conmemórase o aniversario de Rosalía, nacida en Padrón en 1837. A profesora Anxos García Fonte traballa nun proxecto denominado " A rosa incandescente" que pretende devolvernos unha imaxe fresca de Rosalía.

ESCOITA O PODCAST:

“A rosa incandescente” é o nome dun proxecto que pretende devolvernos unha imaxe fresca de Rosalía de Castro. Ten dúas partes que se completan; por un lado unha curtametraxe na que Rosalía fala de si mesma e das razóns polas que escrebe, e polo outro unha unidade didáctica na que se amosa o proceso de elaboración da curta co sentido de comprobar a relación entre a linguaxe cinematográfica e a literaria. A profesora Anxos García Fonte é quen asina “A rosa incandescente” consciente de que a figura de Rosalía está revalorizándose cada dia.

O 24 de febreiro conmemórase o aniversario de Rosalía, nacida en 1837. “Xa foi importante a súa obra na súa época, moito entre os emigrantes en América. Son os que máis a valoraron” afirma García Fonte. A relación de Rosalía coa lingua galega respondía a unha ligazón estreita coa terra e cos labregos. Dicía a propia Rosalía que foi a lingua que escoitou desde o berce. Segundo Anxos García Fonte, Rosalía utiliza o galego na segunda obra para darlle unha dimensión existencial á súa poesía. Para a profesora de Cabanas, é unha obra que pode lerse en calquera momento e lugar porque enseguida nos identificamos. “Hai obras que non resisten o paso do tempo. Coa de Rosalía non ocorre iso. É algo extraordinario”. 

Considera García Fonte que na relación de Rosalía con Manuel Murguía o que houbo primeiro foi unha conexión intelectual moi forte. Despois viría o demais, pero compartiron as inquedanzas do futuro da súa patria. A aparición en 1863 de “Cantares Gallegos” supón un chute de optimismo. Para a profesora de Cabanas, é un libro cheo da enerxía da mocidade. Recolle optimismo e forza e o coñecemento que Rosalía ten do folclore galego. “Cédelle a voz a eses personaxes populares e por iso esta obra é tan auténtica”, explica. E engade “Penso que de moza, Rosalía foi unha gran festeira”. Demóstrao a súa documentada asistencia a moitas festas e romarías populares como a da Virxe da Barca ou a de Beiramar no Seixo. Desta última é o poema “Se a vernos Marica nantronte viñeras…” A súa relación coa natureza ou a súa especial sensibilidade cos máis desfavorecidos, entre eles as mulleres viúvas de vivos ás que da voz, son proba de que estamos diante dunha obra literaria excepcional.

 

(Na imaxe Anxos Garcia Fonte na presentación da súa novela gráfica sobre Rosalía na Casa de Rosalía en Padrón. 2019)

Cultura

Publica o teu comentario agora