Sócrates volve para presidir a fronteira

Sócrates volve para presidir a fronteira

27 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

No ano 399 a.C. un tribunal condenou a morte ao filósofo Sócrates "por non crer nos deuses da polis". O pensador sofreu unha nova condea en 1936 cando os militares sublevados botaron ao rio Miño un busto seu colocado no centro de Tui (Pontevedra). Unha réplica da imaxe volve desde onte presidir os xardíns da localidade fronteiriza.

O paso de Sócrates por Tui foi pasaxeiro. O busto do filósofo que colocaron no municipio en maio de 1936 foi esnaquizado polos falanxistas do pobo cando estalou a guerra. Desde entón, tanto o pedestal de sillares como a cabeza de pedra do filósofo grego, tallada por Benito Prieto Coussent, están no fondo do río. Pero onte, unha réplica exacta foi reposta grazas ao colectivo Levada Libre, que leva meses recadando fondos entre os veciños para render unha homenaxe a Sócrates e a Coussent.

"A mellor maneira de vivir é practicar a xustiza e a virtude" é un do tres pensamentos do enigmático filósofo Sócrates que figuraban no pedestal do busto de granito, feito dunha soa peza, que se colocou o 3 de maio de 1936 nos xardíns de Santo Domingo de Tui, e que tres meses despois, vítima da ignorancia e da represión franquista, desaparecía do lugar, din que para botalo nas profundidades do río Miño. Unha comisión cidadá propúxose, como misión, a reposición do busto no seu sitio e por subscrición popular, como empeño de todos. É unha réplica da que desapareceu: un gran mole de granito de Vilachán (Tomiño), que pesa uns 5.500 quilos e mide tres metros e medio de alto por un metro de ancho. O orixinal era obra do profesor de debuxo e modelado Benito Prieto Coussent (Ribadeo 1907-Granada 2001), que exerceu no primeiro Instituto de Secundaria que tivo Tui, no que hoxe é Museo de Santo Domingo.

Cultura