A saúde dos ríos galegos sofre unha regresión, segundo ADEGA

A saúde dos ríos galegos sofre unha regresión, segundo ADEGA

14 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Proxecto Ríos, iniciativa promovida por ADEGA, vén de presentar o Informe 2010 sobre o estado de saúde dos ríos galegos. Neste informe recóllense as análises efectuadas nas campañas de primavera e outono, polos 299 grupos de voluntarios/as do país. Preséntanse os resultados das citadas inspeccións, a metodoloxía empregada na realización do informe, así como as actividades máis i

Dende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade 299 grupos percorren en determinadas xornadas as canles fluviais. Cos resultados das inspeccións realizados polo voluntariado ambiental elabórase un Informe Anual do estado dos ríos galegos. 

As concas máis estudadas son as das Rías Baixas e a do Miño, que acadan entre ambas unha porcentaxe que rolda o 67% das inspeccións realizadas. A porcentaxe restante repártese entre as concas do Arco Ártabro e Fisterrá, as do Limia-Douro e as concas que verten ao mar Cantábrico. 

En función dos datos recibidos, podemos afirmar que o estado de saúde dos treitos analizados en 2010 foi moi bo na campaña de primavera (52%), e en outono o 54% estiveron en estado bo, correspondéndolle ao estado moi bo o 29%. Observáronse treitos con saúde moderada (15% en primavera; 9% en outono) e deficiente (3% en primavera; 8% en outono) e ningún en estado malo. Isto indícanos que os nosos ríos están a experimentar unha deriva na que se ven apreciando unha regresión no seu estado de saúde. 

Estes datos vense constatados tamén polo estado de conservación do bosque de ribeira. Nas condicións das marxes dos ríos inspeccionados durante as dúas campañas, se aprecia un aumento das alteracións importantes e das marxes moi degradadas, tendencia que xa apareceu en 2008 e 2009.

En 2010 o Proxecto Ríos fixo un cambio na metodoloxía de inspección de río, onde se engadiu o estudo da calidade do hábitat a través do índice IHF (índice de heteroxeneidade fluvial). Os datos aportados polo voluntariado revelaron que a calidade do hábitat nos treitos estudados foi excelente nun 67% en primavera e moderado nun 33%. En outono, as porcentaxes se distribúen do seguinte xeito: excelente, 42%; moderado, 48%; deficiente, 10%. En primavera, o río con saúde deficiente foi o río Sar ao seu paso por Santiago de Compostela. Con saúde moderada, temos os ríos Tea, Baa e Xunco. En outono, con saúde deficiente temos os ríos Lagares, Mero e Limia. Con saúde moderada foron o Sarria, Loña, Deique, Mero e Baa.

Sociedade