A saúde ten xénero

Aberta a inscrición no obradoiro “A saúde: unha cuestión de xénero”
19 de Novembro, 2019 - 08:35 h. | Publicada por Radio Fene

O obradoiro fenés forma parte do programa de sensibilización contra as violencias de xénero “Machismos sen miopías” e celebrarase no Centro Municipal de Servizos Sociais en dúas sesións.

A Concellería de Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, vén de abrir o prazo de inscrición no obradoiro gratuíto “A saúde: unha cuestión de xénero”. Pode formalizarse nos teléfonos 981 34 26 07 e 981 49 27 06, no email smam@fene.gal ou presencialmente no Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. Do Mar Bloque 1, baixo San Valentín). Consta de dúas sesións de cinco horas, e celebrarase os días 9 e 11 de decembro, de 16,30 a 19 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais. Nas dúas sesións traballarase na prevención das violencias machistas, especialmente daquelas calificadas como de “baixa intensidade”, informando ás persoas participantes sobre os recursos existentes para facerlles fronte, e ofrecendo ferramentas para desactivalas.

Este obradoiro pretende dar o coñecer os descubrimentos das últimas décadas para facer fronte a unha forma de violencia institucional contra as mulleres perpetuadas nas diferentes consultas médicas. Por medio desta exposición teórica abordarase a invisibilidade histórica das mulleres nos estudos científicos; a morbilidade diferencial así como o sobredimensionamento das diferenzas entre mulleres e homes; a violencia obstétrica e a patoloxización e medicalización dos corpos das mulleres. Convidarase ás persoas participantes a reflexionar e escoller un obxecto que simbolice algunha das violencias abordadas durante o obradoiro. Por medio dun espazo de reflexión individual, cubriranse as “fichas técnicas” que acompañarán aos diferentes obxectos que integrarán a Mostra das Violencias Invisibles.

PROGRAMA MACHISMOS SEN MIOPÍAS

Esta acción forma parte do programa “Machismos sen miopías”, impulsado pola Deputación da Coruña co principal obxectivo de previr as violencias machistas a través da identificación e toma de consciencia daquelas violencias menos visibles, sensibilizando na importancia de erradicalas. O Concello de Fene foi seleccionado xunto a outros 9 concellos da provincia para formar parte deste programa consistente nun conxunto de obradoiros participativos, estruturados en torno a diferentes temáticas, nos que se combinará un formato de exposición teórica con técnicas de innovación social aplicadas a un contexto educativo, facendo ás persoas participantes parte central da construción do coñecemento. Como resultado destes obradoiros xurdirá a Mostra das Violencias Invisibles, unha acción artístico-comunitaria, composta de obxectos que funcionen como símbolos desas violencias invisibles abordadas durante os obradoiros. A maiores, todos estes obxectos serán fotografados, confeccionando un catálogo que achegará unha visión profunda e complexa das diferentes formas de violencias machistas, facilitando así unha ollada ás violencias machistas sen miopías.

Institucional

Publica o teu comentario agora