Sabores e aromas de domingo

Sabores e aromas de domingo
13 de Marzo, 2019 - 08:28 h. | Publicada por Radio Fene

Vintecatro queixerías de Galicia, Asturias, Castela e León, Estremadura e Francia participarán este domingo 17 de marzo na cuarta Feira do Queixo de Moeche. O evento comezará ás dez da mañá e continuará ata as sete e media da tarde.

Feira do Queixo de Moeche

A feira naceu como un xeito de dar a coñecer o queixo de Moeche, pero tamén con vocación de escaparate para outros sabores. De feito, este ano introdúcese por primeira vez a figura do “Queixo convidado”, que lle corresponderá á variedade de Gamonéu, procedente do concello asturiano de Onís. Durante todo o día haberá moito e bo produto onde escoller, acompañado de especialidades coma o pan, o mel e os doces tradicionais cos que ensaiar riquísmas maridaxes. Ademais tamén hai programadas numerosas actividades paralelas para todas as idades. Destacan o concurso de receitas con queixo, os obradoiros infantís, as catas comentadas, e as actuacións do pallaso Peter Punk e do grupo folk Encrucillada. O Concello volve facilitar o transporte á feira cun servizo especial do tren de proximidades que partirá de Ferrol ás 10.45h. e volverá a distintas horas ao longo do día.

 
Outra das iniciativas novidosas desta IV Feira do Queixo de Moeche -organizada polo Concello e na que colabora Lácteos de Moeche- é a campaña promocional que se desenvolverá desde o xoves até o sábado en varios establecementos de Ferrol e Narón. Durante eses tres días servirán con cada consumición a proba do queixo producido pola queixaría local -caracterizado pola súa suavidade e maduración de 15 días- e tamén do Galmesano, procedente de Arzúa e elaborado con pasta prensada e cocida que se deixa madurar durante 8 meses. A campaña (e tamén o programa da feira) presentaráselle aos medios de comunicación o xoves ás 20.00h. no Café da Vaca, en Ferrol, participante na proposta xunto con Casa Juan e o Mesón Picaso. De Narón tamén se implicarán na promoción da feira o Mesón O Pío, o Gastrobar Piñeiros e o Urimare.

Chegado o día, este domingo 17, os sabores e aromas de todos os tipos de queixo encherán a nave do mercado desde as 10 da mañá. Acudirán 24 queixarías para mostrar e vender os seus produtos, tan variados como exquisitos.  Estarán presentes elaborados das catro denominacións de orixe protexidas de Galicia, ademais de especialidades da terra que apostan pola innovación e a ecoloxía para situarse no mercado. Da comarca e do resto do país confirmaron asistencia 16 queixarías que compartirán espazo con outras 8 chegadas de Asturias, Castela e León, Estremadura, Cantabria e Francia.

Entre elas ocupará un lugar destacado o Gamonéu asturiano, queixo convidado procedente das das zona de Onís. Este queixo é un dos máis saborosos -e tamén exclusivos- que se producen en todo o Estado. Feito con leite de vaca, ovella e cabra ou con mezcla destes tipos de leite, graxo e afumado, o queixo de Gamonéu obtén boa parte da súa indentidade gracias á maduración en covas. Hai dúas variedades, a do val e a do porto. Esta última é a que segue os procesos de elaboración máis tradicionais e tamén a que adoita obter prezos máis elevados, que roldan os 40€ por quilo. De feito, na poxa que se fai no Certame anual do Queixo Gamonéu é habitual que a peza gañadora alcance os 2.500 ou 3.000 euros. A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, visitou recentemente o Concello de Onís para formalizar o convite e, máis que nada, para coñecer os pormenores da feira sectorial que alí se celebra no mes de outubro. Unha expedición da vila asturiana composta por 55 persoas visitará Moeche o domingo encabezada polo seu rexedor, José Manuel Abeledo Viesca. A recepción oficial está posta para as 12.30h. no espazo da feira.

Obradoiros e outras actividades
A Feira do Queixo de Moeche rodearase de múltiples propostas paralelas pensadas para que o evento non se reduza unicamente á compra-venda do produto principal. Haberá máis, moito máis durante o día. Para a rapazada organizáronse dous obradoiros: un de cerámica que abrirá durante a mañá e a tarde -desde as 11.00h. e desde as 16.30h.- e outro que se desenvolverá a partir das 12.45h. no que as nenas e nenos poderán facer os seus propios queixos da man das veciñas de Gandería Lavandeira, de Labacengos. En ambos casos son obradoiros gratuítos que non requiren inscrición previa.

O evento reserva tamén tempo específico para os sabores do queixo. Dunha banda haberá unha zona de catas dirixidas polo experto Alejandro Montes na que se poderán probar catro queixos distintos acompañados de viño. A primeira comeza ás 13.15h. e estableceuse un cupo máximo de 20 persoas por degustación, que terá un prezo de 5€ por asistente. O outro apartado gastronómico é o concurso de pratos elaborados con queixo, que premiará as mellores receitas doces e salgadas. Os preparados deberán presentarse no recinto antes das 11.30h. do domingo, aínda que a inscrición deberá formalizarse antes chamando ao 981 404 006 ou por medio de correo@moeche.gal. O prazo finaliza este venres ás 14.30h.   Haberá tres premios en cada categoría, gracias á colaboración de Lácteos de Moeche, Queixos Brigantia, Queixos Sanjurjo, Panadería Santa Cruz, Panadería Miguel, Bar O Mercado e a Casa do Mel de Goente.

As actividades de animación da feira complétanse con música e circo de rúa. O pallaso Peter Punk actuará ás 17.00h. no fondal da nave do Mercado e pouco despois de rematar, a iso das 17.45h., entregaranse os premios do concurso de cociña para, deseguido, cederlle o espazo ao grupo Folk Encrucillada. Ademais, o evento tamén estará animado ao mediodía pola guitarra e a bandurria do Dúo Rosas.

Unha xornada para descubrir Moeche
O queixo será a escusa perfecta para botar todo o día en Moeche. E o Concello pono ben doado para quen queira achegarse sen necesidade de ter que coller o coche. Ás 10.45h. partirá da estación de Ferrol o Tren do Queixo, que virá parando nos apeadeiros da liña de vía estreita ata chegar a Moeche, onde haberá agardando un autobús. O servizo fará tres viaxes de volta: un ás 14.00h., outro ás 17.25h. e o último ás 19.15h. O obxectivo principal é facilitar a asistencia á feira, pero tamén promover que as persoas visitantes veñan con tempo, que queden xantar na feira ou nos establecementos da zona e mesmo que poidan dar unha volta antes de marchar. O castelo estará aberto de balde durante o día e porase un autobús  para quen queira visitalo, con saída ás 12.00h. e ás 13.00h. do recinto feiral  e volta ás 12.30 e 13.30h. Ese mesmo autobús será quen fará o traxecto desde a feira até o apeadeiro do tren.

Sociedade

Publica o teu comentario agora