Sair ao aire libre

Sair ao aire libre
08 de Xullo, 2020 - 12:03 h. | Publicada por Radio Fene

O aumento de tranquilizantes é unha das secuelas sociais que nos deixou a crise sanitaria da Covid19 porque non todas as persoas temos a mesma tolerancia fronte ao medo e a incerteza.

ESCOITA O PODCAST:

A incerteza, o medo e o contacto directo co coronavirus provocaron o aumento do consumo de tranquilizantes. O psicólogo José Barcia constata que isto é así, pero que ten que ver ademais con outras cuestións como perder a familiares a causa da Covid19 ou estar estreitamente ligado á enfermidade, como foi o caso dos profesionais sanitarios e dos corpos de seguridade do estado. “Moitas persoas tiveron que recorrer aos tranquilizantes a causa do desasosego e o malestar” Barcia explica que a causa é que o ser humano está necesitado de certezas que, ao fin, non son máis que unha ilusión. E ponnos os exemplos do desexo de ter un traballo estable, unha parella estable, unha casa…”Todo está no ar. Nada diso te asegura nada nin te da a felicidade”

Reitera o psicólogo que o medo é unha emoción básica de supervivencia e que non todas as persoas temos a mesma tolerancia ao medo e á incerteza, por iso algunhas persoas buscan atallos e un deses atallos son os estereotipos. “O estereotipo é unha mentira que pode levarnos a cometer erros” Por iso Barcia danos tres recomendacións básicas; aceptar as emocións, facer un esforzo de introspección e controlar o presente. Como colofón, seguir aproveitando o exterior para facer exercicio físico porque aí recibiremos estimulacións para estar mellor de corpo e mente. “Camiñar, trotar, axuda a nivel psicolóxico” .

 

(Na imaxe, acto celebrado o domingo no Paseo Marítimo Bieito Cupeiro. Fene)

Sociedade

Publica o teu comentario agora