A sala NASA abre temporada o 18 de setembro coa compañia Sapristi

A sala NASA abre temporada o 18 de setembro coa compañia Sapristi

16 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

A sala NASA (Nave de Servicios Artísticos) adiantará a apertura da temporada para o 18 de setembro, cando presentará o espectáculo da compañía Sapristi, Vaia tormenta!  nos seus locais da rúa de San Lourenzo 51-53 en Santiago de Compostela. Os xestores do espazo escénico xa presentaron no Concello no pasado mes de xullo os planos e o proxecto completo da obra realizada para mellorar a accesibilidade do local.

Segundo indican na súa páxina web, a NASA é unha iniciativa privada, aberta e independente, impulsada polo grupo Chévere e xestionada por artistas, sen intermediarios, nin axentes, nin funcionarios da cultura. Funciona con regularidade desde 1992, actua como centro de recursos artísticos para os creadores locais, apoia a dinamización socio-cultural e fomenta a producción e exhibición de novas formas de espectáculos. Afirman estar atentos ás novas expresións, aos creadores máis novos e ás propostas artísticas que non atopan canles para a súa difusión nos circuitos habituais.

A primeira obra que se representará en setembro na Nasa, Vaia tormenta! é unha divertida comedia creada, dirixida e interpretada por Jose Campanari e Nuria Sanz, inspirada en A tempestade de Shakespeare. Dous excéntricos tómanse a vida á lixeira, e falan de utopía, manipulación, perdón, reconciliación, liberdade, venganza, amor e poder.

Sociedade