As salas de concertos en perigo de extinción

As salas de concertos levan pechadas desde o 15 de agosto por orde da Xunta.
07 de Setembro, 2020 - 01:10 h. | Publicada por Radio Fene

As salas de concertos galegas solicitan unha xuntanza cos responsables de Interior, Sanidade e Cultura para atopar solucións que eviten o esmorecemento do sector.

O colectivo, representado por Clubtura, demanda plans de acción que permitan a programación cultural, tal e como xa sucede noutros recintos, como teatros ou auditorios. A directiva de Clubtura advirte de que, de continuar a actual situación, Galicia perderá a meirande parte das suas salas de concertos antes do remate do ano. Dende o pasado 15 de agosto as salas de concertos de toda Galicia permanecen pechadas, segundo a orde da Xunta de Galicia que impide ao locais de ocio nocturno a súa apertura, e que, engade, equipara ás salas de concertos e aos cafés concerto cos locais de ocio nocturno, pese a que, segundo a propia Lei de Espectáculos, a súa actividade enmárcase dentro do eido cultural.

Así as cousas, cun 2020 no que o confinamento obrigou ao sector a permanecer pechado de marzo a xuño -a época de maior programación do ano-, e sen unha data de posible reapertura, nin a posibilidade dunha apertura parcial en horario diurno, Clubtura decidiu solicitar unha xuntanza cos responsables das consellerías encargadas: Interior, Sanidade e Cultura. A solicitude busca, segundo apuntan dende a propia entidade, atopar “solucións viables para evitar na medida do posible a perda de emprego e actividade cultural,ante a situación que está vivir os sector cultural, concretamente o sector da música en directo, abocado á desaparición paulatina e irreversible ante o obrigado peche das salas de concertos e cafés concerto en toda Galicia.

”Segundo explica Alberto Grandío, presidente da Asociación Galega de Salas de Concertos e, á súa vez, presidente de ACCES, a agrupación estatal de salas, “a situación do sector é absolutamente demoledora. Ou atopamos unha solución para que se permita a actividade cultural nas salas, do mesmo xeito que se permite noutros recintos culturais, ou Galicia quedará sen salas de concertos en menos de 6 meses”. (Na imaxe, os responsables da sala "Guión Club" de Pontedeume).

Cultura

Publica o teu comentario agora