San Valentín ten outra luz

Fene aforra na factura eléctrica cun novo alumeado no barrio.
15 de Novembro, 2018 - 01:05 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene conclúe os traballos de renovación de todas as lámpadas do alumbrado público do barrio de San Valentín, unha intervención que permitirá reducir a contaminación lumínica, rebaixar a factura eléctrica e mellorar o servizo.

Concluiron os traballos de renovación de todas as lámpadas do alumbrado público do barrio de San Valentín. Unha intervención orzamentada en 47.333,66 euros, partida que está subvencionada ó 60% pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. Os traballos permitirán, segundo as estimacións municipais, unha triple vantaxe: reducir a contaminación lumínica, ó recortar un 82% as emisións de CO2; unha reducción do consumo enerxético anual, do 69%, e un aforro na factura eléctrica, do 64%, pasando dos 4.604,93 ós 1.670,40 euros.

O alcalde, Gumersindo Galego, detalla que as instalacións anteriores atopábanse deterioradas, con tecnoloxía obsoleta e baixa eficiencia. Ademais, traían consigo un sobre custe económico para o Concello, dado o pésimo rendemento da tecnoloxía instalada. De aí que a actuación contemplase a substitución das lámpadas e luminarias de vapor de sodio por luminarias novas de tecnoloxía LED máis eficientes, que incorporan ópticas específicas para conseguir unha distribución da luz adecuada, minimizando as perdas no entorno e concentrando a potencia lumínica nas zonas a iluminar. Así mesmo, as luminarias incorporan fontes de alimentación de tipo electrónico de elevado rendemento e cun consumo enerxético moito menor que os anteriores balastros. Non só iso, tamén son regulables, de modo que a partir dunha hora previamente programada se poida baixar a luminosidade. Deste xeito, a intervención permitirá a maiores, mellorar a calidade do servizo prestado polo Concello e reduciranse as tarefas de mantemento, xa que a vida útil das lámpadas LED é catro veces superior ás de vapor de sodio.

Institucional

Publica o teu comentario agora