A Santa Marta enmascarada

A Santa Marta enmascarada
23 de Xullo, 2020 - 02:17 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Cabanas vén de anunciar a programación das Festas de Santa Marta 2020, marcadas polas medidas especiais de prevención establecidas pola COVID-19.

A programación arranca o venres 31 de xullo á mañá coa Feira de Santa Marta, unha feira extraordinaria que acollerá no Paseo da Madalena postos con diferentes produtos, e que permanecerá aberta ao público durante toda a fin de semana en horario de 11 a 21 horas. O mesmo venres 31, ás 22.30h, haberá sesión de cinema ao aire libre coa proxección do filme “Quen a ferro mata”, protagonizada por Luis Tosar. O domingo día 2, tamén ás 22.30h, proxectarase a cinta “Los Futbolísimos”, unha opción para todos os públicos. Por motivos de seguridade, en ambos casos é preciso reservar praza antes das 14 horas do xoves 30 de agosto chamando ao 981 495 959 (ext. 3).

O sábado 1 de agosto, a partir das 17 horas, o Mago Romarís ofrecerá o espectáculo “Maxia á feira”, e xa coa caída do sol, ás 20h, será o momento da música cos Festicultores. Para o domingo 2 de agosto, data da tradicional romaría de Santa Marta, o Concello chama a recuperar a tradición dos xantares populares en familia e coas amizades ao longo do Piñeiral da Madalena, mantendo todas as medidas de seguridade en canto ao uso de máscaras, tamaño dos grupos e distancia interpersoal. A nota musical virá dada pola actuación do pasarrúas Latexo a partir das 15.30h.

Desde o Concello de Cabanas animan á veciñanza e visitantes a participar e desfrutar dunhas festas de Santa Marta “adaptadas aos tempos do coronavirus”.

Cultura

Publica o teu comentario agora