Saraiva de Carvalho, a memoria viva

Saraiva de Carvalho, a memoria viva

08 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Otelo Saraiva de Carvalho non lle gusta a situación política actual en Portugal. O histórico militar portugués visita nesta xornada Ferrol. Á unha do mediodía mantivo un encontro cos medios informativos na Fundación Caixa Galicia. Denunciou a Estados Unidos e a Europa Occidental por afogar economicamente ao seu pais. “Se seguimos así, imos rematar como calquera territorio do Terceiro Mundo, totalmente empobrecidos”, manifestou.

Saraiva de Carvalho tildou tamén o sistema político portugués, como presidencialista en exceso. Confesou Otelo que, na súa traxectoria ao fronte do Movemento das Forzas Armadas de Portugal, puido máis o corazón que o coñecemento.

Otelo Saraiva de Carvalho é a memoria viva da revolución que derrubou unha dictadura sen disparar un tiro. Ocorreu en Portugal o 25 de abril de 1974. Os militares lusos progresistas coordenados por Otelo Saraiva de Carvalho levantáronse contra o autoritarismo e sairon ás rúas mentras na radio soaba o Grandola vila Morena de Jose Afonso. O histórico dirixente da Revolución dos Caraveis de Portugal pronunciará unha conferencia esta tarde en Ferrol. A Asociación cultural Lefre de Caldereta organiza este acto que presentarán Bernardo Máiz e Xosé María Dobarro e que contará coa actuación musical de María Manuela. Otelo Saraiva de Carvalho. Ás oito desta tarde na Fundación Caixa Galicia, no Cantón de Molíns de Ferrol.  

Cultura