Sardiñas e bolos bendecidos

Sardiñas e bolos bendecidos

11 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Comezan a proliferar os anuncios de sardiñadas para a noite de San Xoan. Pero o San Antonio, este sabado, tamén reclama a atención en Neda onde a tradición dos bolos bendecidos sigue viva. 

Como polo San Xoan a sardiña molla o pan, no centro sociocomunitario de Fene queren probalas xa mañán venres como menú no seu xantar baile quincenal.  Por 9 Euros os socios e socias poderán degustar sardiñas con cachelos e chourizo criollo. O xantar comeza ás 13,30 e o baile posterior estará amenizado polo Duo Caribe.  

A sociedade O Pote de Maniños madruga para anunciar a sua sardiñada de San Xoan. Será na mesma noite do 23 a partir das 9 no campo da festa da parroquia. Haberá sardiñas, pan viño e cachelos. Amenizará esa noite  no Pote, o duo Saudade.  

Antes do San Xoan está o San Antonio, este sabado, sen ir máis lonxe. En Neda manteñen a tradición da bendición dos bolos de San Antonio, na capela de Casadelos. Como a capela está en plenas obras de restauración, a misa e a bendición dos bolos de San Antonio farase na igrexa de Santa maría de Neda, o  sabado ás 7 da tarde.


A capela de San Antonio de Casadelos permanece fechada dende o ano 2005 polo deterioro que sofría. Dende maio do 2008 a Deputación da Coruña acomete a restauración da cuberta, por iso a misa trasladase a Santa María.

Nunha cesta trasládanse os bolos dende o forno e durante a celebración litúrxica do sabado, o crego procederá á sua bendición para que despois os asistentes se leven un bolo bendecido para a casa. Neda celebra esta fin de semana as festas de San Antonio, venres, o sabado e domingo. Celébranse no paseo marítimo de Xubia, do lado de Neda. 

Sociedade