Señor de Ferrol, Pontedeume, Vilalba e Betanzos

Señor de Ferrol, Pontedeume, Vilalba e Betanzos
12 de Xullo, 2020 - 09:10 h. | Publicada por Radio Culleredo

Fernán Péres de Andrade "o Bo" foi señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. Exerceu tamén o seu poder sobre A Coruña e Betanzos. Tiña casa de seu na cidade dos cabaleiros. Pénsase que era onde é a actual cadea municipal. Ave María gracia plena dominus é a saudación anxélica no seu escudo. 

Casa do Concello de Betanzos

O rei Henrique II concedeulle a mercé de bater moeda de coiro e mesmo de ouro, as famosas "doblas" de Fernán Péres. O Bo mandou facer ou reconstruir sete pontes, sete igrexas e sete hospitais. No mausoleo de Andrade en San Francisco lese: "Aqui iaz Fernán Peres Dandrade, cavaleiro que feço este moesteiro anno do nascemento do noso sennor Jhesucristo de mil et trescentos et oitenta e sete anos". Esta lenda faría alusión ao ano do remate do mosteiro e non da morte de Fernán Peres, que faleceu dez anos despois. O sarcófago é un conxunto moi orixinal, coa caixa en alto descansando sobre un enorme xabaril e un oso, animais simbólicos dos de Andrade. A estatua xacente representao de guerreiro, escoltado por dous cans aos pés. Indicouno así a guía oficial da oficina de Turismo de Betanzos Elena Carro, nunha instrutiva visita a algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade dos cabaleiros.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora