Señor, quero ser artista

Laura Bouza encara unha nova intervención artística nas rúas de Fene
02 de Setembro, 2020 - 12:05 h. | Publicada por Radio Fene

A artista fenesa, Laura Bouza, celebra o quinto aniversario do seu laboratorio Laudas Calamity cunha nova intervención na rúa, un mural que titula "Señor, quero ser artista"

ESCOITA O PODCAST:

Cun amplo sorriso, coma sempre, Laura Bouza encara unha nova intervención artística na rúa e un novo curso escolar no seu Laboratorio Laudas Calamity de Fene. O próximo venres día 4 de setembro empezará a plasmar unha nova obra mural baixo o título “Señor, quero ser artista” na rúa Santiago de Perlío, ao pé da Praza Verde, que poderá visionarse desde a Avenida Marqués de Figueroa. “O novo proxecto pode resultar máis controvertido que outras obras anteriores, menos amable” afirma a artista fenesa quen concibe a Arte como un ir máis alá, provocando a reflexión do espectador. Neste caso “Señor, quero ser artista” utiliza a iconografía relixiosa pero con outro significado. Para pintar o mural precisou da aprobación da comunidade de vecinos onde se plasmará a obra mural.

O Laboratorio Laudas Calamity, que fundou hai agora cinco anos vai moi ben. “Estou contenta” afirma Laura Bouza que xa ten ganas de empezar un novo curso. Para iso ten adoptado unha serie de medidas como a utilización dun calzado específico para o alumnado que non sairá fora do laboratorio, máscaras, mandilóns de traballo que deben levar e traer da casa e un aforo máximo de 10 persoas por quenda cunha distancia de seguridade de dous metros entre eles. Todo está preparado para iniciar un novo curso que será especial. Desde o próximo venres poderemos disfrutar da nova obra mural.

Cultura

Publica o teu comentario agora